A Deputación pon en marcha a partir deste xoves os novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+
O xoves 6 de marzo realizarase un taller presencial en Cambados sobre plan de márketing dixital e un obradoiro telemático arredor da taxa de conversión dos negocios en liña
04/03/2025
A Deputación de Pontevedra pon en marcha a partir deste xoves os novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato tanto presencial como telemático, celebraranse este xoves 6 de marzo e afondarán en cuestión de grande interese para o tecido empresarial da provincia, como son a mellora da taxa de conversión dos negocios en liña e o plan de márketing.
O obradoiro presencial terá lugar na oficina de SmartPeme+ en Cambados, situada no Centro ExpoSalnés, en horario de 17:00 a 19:00 horas, baixo o título “O teu plan de márketing dixital paso a paso”. O obradoiro porá o foco na necesidade de deixar de lanzar accións de márketing en liña sen ter elaborado previamente un plan, sen ter en conta os mellores momentos para publicar nas redes sociais, sen saber os obxectivos específicos das accións publicitarias ou sen realizar estudos previos das temáticas que interesan ao público potencial. José Luis Taboada, asesor da oficina de Cambados, afondará no carácter esencial deste documento para que unha empresa teña éxito na contorna en liña. As inscricións poden realizarse a través deste formulario.
Tamén o xoves, de 12:00 a 13:00 horas en formato telemático a través de Zoom, celebrarase o obradoiro “CRO: Consegue que a túa web venda (máis)”. Esta acción está dirixida a empresas con páxinas web nas que o volume de vendas sexan inferiores aos esperados, e centrarase na CRO ou Conversion Rate Optimization (optimización da taxa de conversión) para afondar nas claves polas que os usuarios visitantes non se ‘converten’ en clientes. A acción será impartida por Esther Garcinuño, Licenciada en Ciencias Empresariais, coa especialidade de marketing e xestión comercial, pola Universidade de Vigo e Enxeñeira Técnica en Tecnoloxías da Información Xestora pola Universidade da Coruña. As inscricións poden realizarse a través deste formulario.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar a persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.