A Deputación leva a Tui a exposición fotográfica que conmemora os 40 anos do Descenso do Miño

A mostra O río que nos une poderá visitarse do 2 ao 24 de setembro e inaugurarase este mércores ás 19:00 horas cun coloquio na Sala Municipal de Exposicións

29/08/2026

A Deputación de Pontevedra, da man da Asociación Cultural 40 Anos do Descenso do Miño, inaugurará este mércores 2 de setembro na Sala Municipal de Exposicións de Tui a exposición fotográfica O río que nos move, que conmemora as catro décadas desde que cinco mozos do Baixo Miño percorreran os 317 quilómetros do río en canoas construídas por eles mesmos. O acto inaugural contará cun coloquio no que se abordará o Miño como fronteira e unión de Galicia e Portugal e terá lugar ás 19:00 horas na Sala Municipal de Exposicións do Edificio Francisco Sánchez de Tui.

Este proxecto expositivo da Deputación de Pontevedra e a Asociación Cultural 40 Anos do Descenso do Miño forma parte dun ciclo de exposicións que se están a levar a cabo nun total de oito concellos do curso do gran río por toda Galicia (Meira, Lugo, Portomarín, Ourense, Castrelo de Miño e, dentro da provincia de Pontevedra, O Rosal, Tui e A Guarda). A mostra está composta por 99 fotografías tomadas en 1985 polo grupo de cinco mozos do Baixo Miño, de entre 21 e 23 anos, que decidiron descender a totalidade do Miño sen equipo de apoio e en canoas construídas por eles mesmos, algo que ninguén fixera antes. Ademais das fotografías tamén se poderá ver a restauración dunha das canoas utilizadas no descenso, recuperada dunha palleira, xunto cos chalecos e remos.

Pasados corenta anos a Deputación e a Asociación traen ao presente esta aventura coa exposición, pero tamén con coloquios e debates para reflexionar sobre o estado do río e o potencial inmenso que ofrece. No tempo dos camiños e camiñantes, a do pai Miño é a gran ruta por descubrir: O Miño tamén é camiño. No coloquio deste mércores 2 de setembro participarán, entre outros, o comandante naval de Tui, Víctor García Pozuelo, o medallista olímpico de piragüismo en Los Ángeles 1984 Enrique Míguez e o responsable do museo municipal de Tui, Rafael Sánchez Bargiela.

Tralo seu paso polo Rosal (onde estivo dispoñible do 23 de xullo ao 21 de agosto) e Tui, O río que nos move pechará na Guarda o seu percorrido pola provincia de Pontevedra na Casa dos Alonso entre o 10 e o 27 de novembro.