A Deputación mobiliza esta semana 27 colectivos sociais de 19 concellos da provincia nos obradoiros de +Xuntas

As entidades comezan obradoiros de pilates, arte floral, artesanía en coiro, conservación de alimentos, musicoterapia, risoterapia, redes sociais, plantas medicinais, ioga, pintura, alfabetización dixital e autoestima e comunicación

04/10/2026

A Deputación de Pontevedra continúa esta semana as accións formativas da actual edición do programa provincial +Xuntas, unha iniciativa que destina preto de 700.000 euros ao tecido asociativo para apoiar o desenvolvemento das mulleres e crear redes de apoio onde poden compartir experiencias e estreitar os seus vínculos. Entre o luns 5 de outubro e o venres 9, preto de 370 mulleres de entidades de Arbo, Barro, Caldas de Reis, Cambados, Cangas de Morrazo, A Caniza, A Estrada, O Grove, Lalín, Mos, Meis, Ponteareas, Ribadumia, O Rosal, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía e Vilanova de Arousa inician novas accións de +Xuntas.

Este luns 5 de outubro comezan cursos de pilates integrantes da Asociación de Amas de Cada Albariño (Cambados), da Asociación de Mulleres Rurais Os Borrizos de Cornazo (Vilagarcía de Arousa) e da Asociación de Mulleres Rurais O Marco de San Salvador (Meis). Ese mesmo día comezan dous cursos de arte floral na Asociación de Mulleres Rurais O Mouriño (Vilanova de Arousa) e Emilia Pardo Bazán (Sanxenxo); de artesanía en coiro integrantes da Asociación de veciños e veciñas da Armenteira (Meis); de conservación de alimentos na Asociación de Mulleres en Igualdade do Rosal; de musicoterapia na Asociación de Mulleres en Igualdade de Busto (Lalín) e de risoterapia na Asociación Xaruma (Vigo).

O martes 6 de outubro será o primeiro día do curso de pilates para integrantes da Asociación Contra o Maltrato Esmar (Ribadumia) e para a Asociación Cultural e Veciñal Fonte de Lalín de Arriba. Tamén comezarán obradoiros de redes sociais (Asociación de Empresarias de Galicia, Vigo), conservación de alimentos (Asociación San Salvador, Ponteareas), arte floral (Asociación de Mulleres Rurais A Xiada de Vinseiro, A Estrada), plantas medicinais (Asociación de mulleres rurais arbenses, Arbo) e ioga (Asociación Colectivo Espazo 16, Barro).

Pola súa banda, o mércores 7 de outubro integrantes da Confraría de Pescadores San Martín do Grove comezan un curso de pintura; do Club de Pensionistas de Sanxenxo un de conservación de alimentos; persoas da Asociación O Son do Pobo de Cangas de Morrazo inician un obradoiro de alfabetización dixital; da Asociación de Jubilados y pensionistas de Arbo outro de autoestima e comunicación asertiva; integrantes da Asociación de mulleres rurais As Aceñas de Baión (Vilanova de Arousa) un de arte floral; da Asociación de Mulleres Rurais Santa Lucía de Arco (Caldas de Reis) outro de artesanía en coiro; da Asociación de Mulleres Rurais da Cañiza Axóuxere un obradoiro de musicoterapia e da Asociación de veciños e amigos de Ribela do Umia (A Estrada) outro de plantas medicinais.

O xoves 8 de outubro integrantes da Asociación de Persoas con Discapacidade dos Vales Ulla-Umia (Valga) comezan un obradoiro de risoterapia e o venres, 9 de outubro, inícianse dous obradoiros de plantas medicinais con integrantes do Círculo Cultural Abrente (Mos) e da Asociación de Mulleres Rurais A Candelaria (Sanxenxo).

A Deputación de Pontevedra dedica un investimento de preto de 700.000 euros para o desenvolvemento do programa durante os anos 2026 e 2027, organizando cada ano máis de 200 obradoiros para entidades sen fins de lucro da provincia que apoien o desenvolvemento das mulleres. Este ano terán lugar un total de 207 accións para colectivos de 53 concellos dentro de catro categorías: +Tecnoloxía, +Creatividade, +Natura e +Saúde. Cada formación ten unha duración de 35 horas e incluirá un módulo específico de sensibilización sobre igualdade, ademais de estar integrada de xeito transversal en todos os contidos.