A Deputación aproba unha achega de preto de 20.000 euros ao Concello de Lalín para a adquisición de material para as súas instalacións deportivas
Con estes recursos do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, Lalín dotará de novo material o estadio Manuel Anxo Cortizo, o Lalín Arena e o pavillón municipal
24/01/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega de preto de 20.000 euros ao Concello de Lalín co obxecto de financiar a adquisición de material para diversas instalacións deportivas de titularidade municipal. A concesión enmárcase no terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivos, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.
Lalín empregará esta achega na mellora e modernización de tres instalacións deportivas: o estadio de fútbol Manuel Anxo Cortizo, o Lalín Arena e o pavillón municipal dos deportes, espazos de uso intensivo nos que se levan a cabo tanto adestramentos de equipos como clases de educación física e competicións de diversas disciplinas. Debido ao seu uso continuado, faise necesario renovar o equipamento dispoñible para garantir que estea en condicións óptimas de práctica e seguridade. Por iso, esta achega da Deputación permitirá subministrar e instalar un xogo de porterías de fútbol-7, un xogo de canastras abatibles, unha rede reforzada para a gaiola de lanzamentos, un sistema motorizado para a recollida dos rolos do pavimento protector, así como elementos de ancoraxe para as canastras.
Lalín recibirá este ano máis de 202.500 € no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, cos que vai impulsar un total de nove actuacións. Aos 20.000 euros xa aprobados para material deportivo súmanselle a adquisición de tamén material para o estadio San Lorenzo Vilatuxe, a instalación de pavimento vinílico na pista do pavillón municipal, a reposición do muro de peche no lateral do campo de fútbol de Lalín, unha cuberta para a zona de xogos, a rotulación de varias zonas no pavillón municipal, a adquisición de máis materiais para o estadio Manuel Anxo Cortizo e a adquisición dun garaxe para salto con pértega. Ao remate da terceira convocatoria, Lalín terá recibido máis de medio millón de euros da Deputación no marco deste plan.