Luisa Sánchez coñece sobre o terreo as novidades do percorrido do 59º Rally Recalvi Rías Baixas

A organización informou á vicepresidenta provincial das melloras durante unha visita ao tramo do Castro, que presenta modificacións para incrementar o seu atractivo

18/06/2026

Luisa Sánchez coñece sobre o terreo as novidades do percorrido do 59º Rally Recalvi Rías Baixas

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, visitou este xoves o monte de O Castro xunto a representantes da Escudería Rías Baixas para coñecer sobre o terreo o percorrido e as novidades que presentará a 59ª edición do Rally Recalvi Rías Baixas, que se disputará os días 2, 3 e 4 de xullo.

Durante a visita, a organización explicou os trocos introducidos, poñendo especial atención sobre o tramo do Castro, un dos máis espectaculares da proba. Entre as novidades destacan modificacións no paso por algunhas das rotondas do percorrido, así como variacións no sentido de circulación das chicáns habilitadas ao longo do tramo, co obxectivo de incrementar a súa esixencia deportiva e ofrecer un maior atractivo tanto para os participantes como para o público.

Luisa Sánchez salientou a importancia do Rally Recalvi Rías Baixas para a provincia, tanto polo seu impacto deportivo como pola súa capacidade para atraer afeccionados. A vicepresidenta reafirmou ademais o apoio da Deputación de Pontevedra ao automobilismo patrocinando esta proba e diferentes eventos relacionados con este deporte, así como promovendo programas como +Talento Motor.

O tramo urbano de O Castro volverá ser o encargado de pechar a competición na tarde do sábado, converténdose unha vez máis nun dos grandes focos de atención do rally e nun escenario privilexiado para que miles de afeccionados gocen do espectáculo do motor no corazón da cidade de Vigo.

Galerias de imaxes