A Deputación pon á disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia os 85 millóns de euros do Plan +Provincia 2026-2027
Os gobernos locais que desexan realizar investimentos de carácter plurianual poderán ter acceso anticipado aos 35 millóns da liña 1 de investimentos de 2027
02/01/2026
A Deputación de Pontevedra publicou este venres 2 de xaneiro de 2026 no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) as bases do +Provincia 2026-2027, o plan de obras e servizos de competencia municipal de carácter bienal dotado de 85 millóns de euros para os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia. A partir deste luns 5 de xaneiro (o 4 de xaneiro no caso da liña 1 de 2027), os concellos terán tres meses para presentar as súas solicitudes de financiamento para investimentos, gasto corrente, activación do emprego e redacción de proxectos para a transformación e modernización dos municipios.
O plan reparte o crédito de acordo con criterios obxectivos (poboación, superficie e núcleos) e introduce o reto demográfico e mais o envellecemento como criterios para distribuír as achegas, co obxectivo de minorar a fenda de poboación que afecta principalmente aos municipios rurais da provincia. Forma parte, ademais, do esforzo investidor do goberno provincial, que eleva os recursos aos concellos en 2026 a un total de 128 millóns de euros, destacando xunto co Plan +Provincia os 35 millóns do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra e 8 millóns do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.
Ademais, desde o ano pasado o +Provincia admite a posibilidade de financiar investimentos de carácter plurianual, co obxectivo de seguir tendendo pontes de colaboración cos concellos para sustentar o labor municipal e facilitar a execución de investimentos estratéxicos que lle brindan un servizo esencial á veciñanza. Neste sentido, este ano os gobernos locais que desexen realizar investimentos de carácter plurianual poden acceder de xeito anticipado aos recursos da liña 1 de investimentos do plan de 2027, co que o reparto queda do seguinte xeito: 50 millóns do +Provincia 2026 (unha suba de 1,8 millóns e un 3,7% respecto aos 48,2 millóns cos que contaba o plan en 2025) e outros 35 millóns do adianto da liña 1 do +Provincia 2027.
Os recursos distribuiranse entre os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia a través de catro liñas. A primeira delas, dotada de 70 millóns de euros (35 millóns de 2026 e outros 35 de 2027), está destinada a investimentos. A segunda, con 4,15 millóns, céntrase no gasto corrente dos concellos. A terceira, con 9,6 millóns, está destinada á activación do emprego. A cuarta e última, dotada de 1,25 millóns, á redacción de proxectos transformadores relacionados coa mobilidade en zonas rurais e urbanas e proxectos de relevancia estratéxica que posibiliten a transformación e modernización do municipio.
Para facilitar a xestión dos recursos, o Plan +Provincia permite flexibilizar o traspaso de crédito entre liñas, de tal forma que poderá traspasarse o 100% das liñas 2, 3 e 4 á liña 1 de investimentos; ata o 60% da liña 3 á liña 2 de gasto corrente; e o 30% da liña 1 á liña 2 de acordo cos requisitos establecidos nas bases, onde se poden consultar todos os detalles e criterios de repartición.