O Pleno da Deputación suma o apoio da provincia á actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua, que busca o consenso para fomentar o uso do galego
A moción presentada polo Grupo Popular saíu adiante grazas ao voto favorable dos deputados populares e socialistas e o voto en contra dos deputados do BNG
31/07/2026
O pleno da Deputación de Pontevedra confirma o seu apoio á actualización do Plan Xeral de normalización da Lingua Galega que promove a Xunta de Galicia a través dunha moción aprobada grazas aos votos favorables dos deputados do Grupo Popular e do Grupo Socialista, malia o voto en contra dos deputados do BNG. A sesión ordinaria correspondente ao mes de xullo serviu tamén para aprobar unha modificación de crédito por valor de 1,3M€ que se destinarán principalmente a ampliar o orzamento do programa DepoVAN, a ampliar os recursos para o patrocinio de eventos deportivos e para a colaboración co Concello de Pontevedra na mellora do céspede do estadio de Pasarón. Ademais, saíron adiante tamén a ordenanza reguladora das condicións de acceso ao Centro Vacacional da Lanzada, a modificación do regulamento da escola infantil de Príncipe Felipe e os proxectos reformulados dos concellos de A Estrada, Cerdedo Cotobade, Tui, Poio e Cambados.
O principal acordo da sesión foi a aprobación da moción presentada polo Grupo Popular para ofrecer o apoio do Pleno da Deputación á actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega presentado recentemente polo conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos. Incorporada a emenda solicitada polo Grupo Socialista, a proposta defendida polo voceiro dos populares, Jorge Cubela, inclúe entre os seus acordos o apoio a un documento que impulsa novas medidas que adapten o uso da lingua a todos os planos da vía pública e instar ás forzas políticas a retomar o diálogo co obxectivo de construír novos consensos sobre a política lingüística de Galicia. “O goberno galego vén de presentar un documento con case 700 medidas para a actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega, froito do traballo de máis 130 profesionais de todos os sectores e das 1.400 achegas recibidas por parte de institucións, asociacións, entidades e particulares nos máis de 400 contactos e a través da caixa de correo electrónico. Agora, cómpre que do debate político xurda o consenso necesario para impulsar un novo marco regulador para o galego, o cal permita afrontar, como unha gran oportunidade, todos os retos de futuro que Galicia ten por diante”, expuxo o deputado Jorge Cubela antes de proceder a unha votación que se pechou co voto favorable dos representantes do Grupo Popular e do Grupo Socialista e voto en contra dos integrantes do grupos BNG
O pleno comezou coa aprobación grazas ao voto favorable do PP, malia a abstención do PSOE e do BNG, dunha modificación de crédito por valor de 1,3 millóns de euros financiados con remanente líquido de tesourería e que destinarán, principalmente, a ampliar en 500.000 euros o crédito da segunda convocatoria do programa DepoVAN, a dotar de 300.000 euros adicionais a partida para o patrocinio de eventos deportivos, a colaborar cunha achega de 173.000 euros co Concello de Pontevedra e co Pontevedra CF na mellora do céspede de Pasarón. Ademais, o expediente inclúe outras aportacións menores para preparar o 50 aniversario e outras melloras en Príncipe Felipe, os preparativos da Bienal de Arte e o aumento dos fondos das axudas a asociacións de Protección Civil da provincia para atender todas as solicitudes.
Tamén saíron adiante a aprobación inicial da ordenanza reguladora das condicións de acceso e uso temporal do Centro Vacacional da Lanzada, a modificación do regulamento de organización e funcionamento da Escola Infantil de Príncipe Felipe e, por unanimidade, os proxectos técnicos reformulados presentados polos concellos de A Estrada, Cerdedo Cotobade, Tui, Poio e Cambados á primeira convocatoria do Plan Extra. Así mesmo, tamén recibiu luz verde a primeira prórroga, ata finais do ano 2027, do contrato do servizo de seguridade e vixilancia nos centros da Deputación dos lotes 2, 3 e 4 valorados en preto de 1,47M€. A sesión rematou coa aprobación do nomeamento do deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, como representante da Deputación na Comisión Executiva da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, a aprobación definitiva da RPT do persoal eventual da Deputación e o rexeitamento da moción do Grupo Socialista sobre o servizo de emerxencias fronte incendios na provincia.
