A Deputación impulsa o Areabesta Festival co obxectivo de democratizar o acceso á cultura desde o rural da provincia
A segunda edición do festival celebrarase este sábado 29 de agosto na praia fluvial do Pozo Negro, en Rebordelo (Cerdedo Cotobade)
27/08/2026
O deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, presentou este xoves no Pazo provincial a segunda edición do Areabesta Festival, que se celebrará este sábado 29 de agosto a partir das 18:00 horas na praia fluvial do Pozo Negro, na parroquia de Rebordelo de Cerdedo Cotobade. O deputado destacou o apoio da Deputación a este evento, dentro do obxectivo da institución provincial de “fortalecer as iniciativas que nos fan chegar os colectivos culturais para poder potenciar toda a actividade cultural que de desenvolve na provincia de Pontevedra durante todo o ano”. Na presentación, o deputado estivo acompañado por Mónica Garrido, co-organizadora do evento.
O Areabesta Festival é unha cita “propia, singular e que escapa do común”, como indicou o deputado provincial, cos obxectivos de ser unha actividade “de balde e cunha gran capacidade de xestión para ser o máis profesional e respectuoso posible coas bandas emerxentes e que estas poidan ter unha oportunidade”. Neste sentido, Cubela destacou o éxito da convocatoria pública impulsada pola Asociación Areabesta para formar parte do cartel: “quedou a moi poucas cifras de igualar en número de inscricións a unha cita tan importante como é o Resurrection Fest”.
Jorge Cubela destacou que o goberno liderado por Luis López na Deputación de Pontevedra “ten implicación e sensibilidade coas asociacións culturais da provincia, co fin de que poidamos transformar esas iniciativas nunha colaboración por parte desta institución”. Neste sentido, o deputado de Cultura asegurou que “apoiamos un ano máis este festival que vai facer feliz a moita xente e que permitirá mobilizar moito público para que se achegue a coñecer o rural da provincia e este escaparate cultural que son as Rías Baixas”. O deputado felicitou a asociación organizadora do Areabesta Festival “pola súa forma de traballar e pola súa filosofía de democratizar o acceso á cultura”, e sinalou que “grazas á axuda da Deputación podemos consolidar este pequeno festival de finais de verán”.
En Areabesta Festival, que tamén conta coa colaboración da Asociación de Veciños San Martiño de Rebordelo, actuarán un total de sete bandas de rock e metal chegadas desde diversos puntos de Galicia, o conxunto de España e Portugal: The Fall of Atlantis, Godiva, Music in Low Frequencies, Tálesien, Kalte Sonne, Nukore e Welcome.
