A Deputación inaugura este luns no Pazo provincial a exposición ‘Rosalía Ilustrada’ con 35 obras orixinais que interpretan graficamente a obra da escritora galega
Miguelanxo Prado, Luís Davila, Xaquín Marín, Bea Lema, Elga Lamas, Iria Ribadomar, Andrés Meixide ou, entre outros, Kiko da Silva participan nesta mostra que acolle o Pazo provincial ata o 31 de agosto cun diálogo entre a literatura e a arte visual
18/07/2026
A Deputación inaugura este luns no Pazo provincial a mostra ‘Rosalía Ilustrada’, unha proposta cultural que ofrece un diálogo entre literatura e arte visual a partir da obra de Rosalía de Castro. A exposición, de carácter itinerante, reúne 35 ilustracións orixinais e con técnica manual realizadas por 34 artistas galegos e galegas que interpretan textos da autora desde linguaxes plásticas contemporáneas.
‘Rosalía Ilustrada’, un proxecto da Fundación Rosalía de Castro, será inaugurada este luns 20 de xullo ás 12:30 horas pola deputada María Ramallo e permanecerá no vestíbulo do Pazo provincial ata o 31 de agosto. A mostra pon de manifesto a vixencia da figura de Rosalía de Castro, cuxa influencia transcendeu a literatura para converterse nun símbolo cultural de Galicia, inspirando tamén disciplinas como a música e as artes visuais.
Na exposición veranse pezas de Miguelanxo Prado, Luís Davila, Xaquín Marín, Bea Lema, Andrea de Toba, Elga Lamas, Carlos Arrojo, Iria Ribadomar, Manel Cráneo, Bea Gregores, Álvaro de la Vega, Leandro Lamas, Xosé Cobas, Fran Jaraba, Nacho Hortas, Suso Cubeiro, María Fe Quesada, Manuel Uhía, Pepe Carreiro, Xan López, Fausto, Norberto Fernández, Fran Bueno, Jacobo Fernández, Andrés Meixide, Kiko da Silva, Pablo Otero, Primitivo Marcos, Miguel Robledo, Fernando Iglesais, Federico Fernández Alonso, Óscar Villán, Fino Lorenzo e Raquel González.
‘Rosalía Ilustrada’ poderá visitarse no vestíbulo do Pazo provincial desde este luns ata o 31 de agosto, en horario de 9:00 a 20:00 horas de luns a venres.