Rafa Domínguez e Luisa Sánchez presentan aos clubs deportivos de Pontevedra o Plan ProDeporte, dotado con 1,8 millóns para mellorar equipamentos e instalacións

O vicepresidente e a vicepresidenta mantiveron no Pazo Provincial un encontro cunha trintena de entidades para explicar os detalles da convocatoria e resolver as súas dúbidas

14/09/2026

Rafa Domínguez e Luisa Sánchez presentan aos clubs deportivos de Pontevedra o Plan ProDeporte, dotado con 1,8 millóns para mellorar equipamentos e instalacións

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a vicepresidenta e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, mantiveron este luns un encontro cunha trintena de clubs deportivos de Pontevedra e a súa comarca para presentarlles o Plan ProDeporte, a nova liña de axudas da institución provincial destinada a apoiar investimentos que permitan mellorar as instalacións e os medios materiais das entidades deportivas.

Nunha reunión celebrada no Pazo Provincial, na que tamén participou a directora de Deportes, Xisela Aranda, os representantes dos clubs puideron coñecer de primeira man as características da convocatoria, así como formular preguntas e resolver dúbidas sobre o procedemento de solicitude. Ademais, recibiron unha guía práctica que explica os principais aspectos da convocatoria de xeito claro.

“Moitos clubs teñen boas iniciativas, pero non sempre teñen os recursos precisos para levalas adiante. Con ProDeporte queremos axudarlles a mellorar as súas instalacións, renovar material ou facer aquelas pequenas actuacións que marcan a diferenza no día a día”, explicou Rafa Domínguez.

Pola súa banda, Luisa Sánchez resaltou que a Deputación quere que a convocatoria sexa “sinxela e accesible” para as entidades. “Hoxe quixemos explicarlles ben o plan e escoitar as súas dúbidas. O noso propósito é que os clubs coñezan esta ferramenta e que a aproveiten do mellor xeito posible”, engadiu.

O Plan ProDeporte conta cun orzamento inicial de 1,8 millóns de euros, ampliables con outros 1,8 millóns en función do volume de solicitudes e da dispoñibilidade orzamentaria. As axudas están dirixidas a clubs deportivos da provincia sen ánimo de lucro que participen en competicións oficiais ou conten con licenzas federativas de deportistas que participen en competicións oficiais de carácter individual.

Contías

As subvencións permitirán financiar obras de mellora ou creación de instalacións, equipamentos e espazos deportivos, así como a adquisición de equipamento deportivo e doutro material inventariable necesario para o funcionamento dos clubs. No caso das obras, as axudas poderán oscilar entre os 5.000 e os 15.000 euros, mentres que para a adquisición de equipamentos serán de entre 1.000 e 5.000 euros. Se se combinan ambas as modalidades, o límite máximo será de 15.000 euros.

Ademais, a convocatoria establece que as subvencións poderán cubrir ata o 100% do investimento subvencionable, dentro dos límites establecidos para cada modalidade.

Galerias de imaxes