Luisa Sánchez activa a prórroga do convenio para a humanización da rúa San Roque ante a falta de execución municipal e garante o investimento da Deputación

A vicepresidenta convoca a comisión de seguimento para emitir este xoves o informe favorable que permitirá tramitar a addenda e ampliar o prazo por un ano máis

08/09/2026

Luisa Sánchez activa a prórroga do convenio para a humanización da rúa San Roque ante a falta de execución municipal e garante o investimento da Deputación

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, garantiu que os 1.569.494 euros de financiamento provincial destinados á humanización da rúa San Roque, entre Gregorio Espino e a rúa Ruiseñor, permanecerán á disposición do Concello de Vigo para facer posible a execución da actuación.

A representante provincial en Vigo anunciou este compromiso despois de que o Concello de Vigo solicitase formalmente á Deputación a prórroga do convenio que regula esta actuación por un ano máis, ata setembro de 2027. “Quero transmitir unha mensaxe de tranquilidade á cidade: tal e como comprometín no caso de Finca Matías, a Deputación garante que estes fondos tamén se manterán”, sinalou Luisa Sánchez.

Neste sentido, a vicepresidenta convocou para este xoves a comisión de seguimento do convenio da rúa San Roque, na que se emitirá o preceptivo informe favorable á prórroga. Este paso permitirá continuar coa tramitación da correspondente addenda, que logo deberá ser aprobada polas respectivas xuntas de goberno para finalmente proceder á súa sinatura.

Luisa Sánchez informou de que o Concello de Vigo xa remitiu a solicitude debidamente motivada, requisito que a Deputación sempre remarcou como necesario para poder tramitar calquera prórroga.

Os fondos destinados a este proxecto proceden dos 6,2 millóns de euros que a vicepresidenta recuperou á súa chegada á institución provincial por falta de execución municipal e volveu poñer á disposición de Vigo. “Estamos ante o rescate do rescate”, precisou Luisa Sánchez.

Convenios pendentes

A vicepresidenta lembrou tamén que hai outros convenios con Vigo pendentes de avances por parte do Concello. Trátase dos relativos ás humanizacións das rúas Rosalía de Castro e Doutor Carracido, aprobados hai tempo pola Deputación e que representan conxuntamente 3,8 millóns de investimento provincial.

A estes recursos súmanse outros 1,2 millóns de euros consignados no orzamento provincial deste ano para novas actuacións na cidade, así como os 5 millóns de euros que estarán dispoñibles para novos convenios a partir do 1 de xaneiro de 2027. Con todo, o Concello de Vigo non achegou propostas ás que destinar estes investimentos.

A humanización

A humanización da rúa San Roque forma parte das actuacións financiadas pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo para mellorar espazos públicos da cidade. O orzamento total ascende a 2.271.099 euros, dos que a institución provincial achega o 69% (1.569.494 euros). A administración local completa o presuposto co 31% restante (701.605 euros)

As obras que se están a desenvolver desde setembro de 2025 comprenden un tramo de case 300 metros entre Gregorio Espino e Reiseñor. O propósito é ampliar as beirarrúas e crear unha nova praza entre San Roque e Couto de San Honorato, que contará cunha bancada e unha zona verde.

A calzada terá sentido único de circulación e aparcadoiros nas rúas Talude e Gregorio Espino. Tamén se instalará novo mobiliario urbano, renovaranse os servizos de abastecemento e saneamento, disporase de rega automática e colocarase un aparcabicis. O prazo teórico de execución era de dez meses.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.