A Deputación inaugura a reforma do parque Raíña Aragonta, en Salceda de Caselas, onde investiu máis de 50.000 euros do Plan +Provincia
O deputado provincial Pablo Castillo lembrou que esta actuación se enmarca na aposta da institución provincial por fomentar este tipo de espazos de lecer e conciliación familiar, con máis de 40 actuacións e 16 millóns de euros investidos neste mandato
30/04/2026
O deputado provincial Pablo Castillo acaba de inaugurar en Salceda de Caselas a remodelación do parque infantil Raíña Aragonta, unha actuación financiada pola institución provincial cunha achega de máis de 50.000 euros no marco do Plan +Provincia. O deputado puxo en valor que, grazas á contribución da institución provincial, “este convértese nun espazo máis seguro e con novos xogos para o desfrute dos máis pequenos e pequenas”. Castillo tamén lembrou que o Plan +Provincia 2026-2027 está dotado de 85 millóns de euros, sendo o plan de cooperación municipal máis ambicioso da historia da Deputación.
Esta remodelación, tal e como subliñou o deputado provincial, enmárcase no reto demográfico porque “contribúen a paliar a perda da poboación e a mellorar a calidade de vida da veciñanza, ao darlles ás familias solucións para garantir a conciliación e o lecer, para que poidan ver cubertas todas as súas necesidades en calquera concello, sexa cal sexa o seu tamaño ou que teña un carácter máis rural ou urbano”. Ao respecto, subliñou que a principal actuación da remodelación do parque consistiu na instalación dun conxunto modular de grandes dimensións con forma de foguete espacial.
Ademais, Castillo engadiu que esta actuación en Salceda de Caselas forma parte dunha aposta global pola que o goberno da Deputación de Pontevedra leva investidos neste mandato “máis de 16 millóns de euros para financiar 43 actuacións en parques infantís de 39 concellos da provincia”. “O noso obxectivo -apuntou o deputado- é transformar parques infantís e urbanos en espazos máis accesibles, máis verdes e pensados para a infancia”.
Só a través do Plan +Provincia, nos anos 2024 e 2025 mobilizáronse preto de 5 millóns de euros en 35 proxectos de melloras de parques infantís postos en marcha en 31 concellos da provincia. En definitiva, “novos espazos de ocio para as familias que son unha referencia de calidade urbana e calidade de vida grazas á cooperación da Deputación e o noso compromiso por levar os mellores servizos á veciñanza”, afirmou o deputado provincial.
