A Deputación destina máis de 18.000 euros ao Concello de Tui para o proxecto de humanización do barrio de San Bartolomé
Trátanse de recursos do Plan +Provincia que este ano destina ao concello algo máis de 2 millóns de euros ao sumar 1,2 millóns do 2026 e o adianto de preto de 844.000 euros da liña de investimentos do 2027
03/09/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega por valor de máis de 18.000 euros para que o Concello de Tui faga fronte ao proxecto de humanización do barrio de San Bartolomé. Trátanse de recursos do Plan +Provincia que este ano destina ao concello algo máis 2 millóns de euros, ao sumar 1,2 millóns do 2026 e o adianto de preto de 844.000 da liña de investimentos do 2027.
Cos recursos provinciais actuarase nunha contorna de gran valor patrimonial, catalogada como zona histórico artística pola que transita o Camiño de Santiago. Na actualidade, este espazo de San Bartolomé presenta problemas de accesibilidade, un ancho insuficiente de beirarrúas, escasa iluminación e predominio do tráfico rodado. Deste xeito, cos fondos da Deputación de Pontevedra vaise mellorar a calidade desta contorna co obxectivo de darlle protagonismo ás persoas.
Ao detalle, o proxecto de actuación abrangue a creación dunha plataforma única e a eliminación da separación física entre beirarrúas e calzada, para xerar un espazo continuo e accesible, sen barreiras arquitectónicas. Ademais, a rúa pasará a ser de prioridade peonil e limitarase o aparcadoiro para protexer o patrimonio, eliminando o estacionamento masivo na contorna do cruceiro. Finalmente, incorporarase mobiliario urbano e iluminación nova, así como vexetación que respecte e poña en valor o carácter histórico deste espazo público de San Bartolomé.