A Deputación adxudica as obras de reforma da instalación eléctrica de Príncipe Felipe por máis de 450.000 € no marco da “transformación radical” do centro

Os traballos consistirán na reforma dos centros de transformación, do cadro xeral de baixa tensión e do grupo electróxeno de emerxencia

29/05/2026

Luis López na conferencia de prensa  do 29 de maio

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu a coñecer este venres que a Xunta de Goberno acaba de adxudicar as obras de reforma da instalación eléctrica do Centro Príncipe Felipe por un valor de 452.000 euros. O presidente da Deputación asegurou que “estamos mellorando radicalmente este centro, que este ano fai 50 anos como o símbolo da política social da institución, para impulsar a súa maior transformación na historia recente da Deputación”.

Luis López lembrou que o proxecto contempla a reforma dos centros de transformación, do cadro xeral de baixa tensión e do grupo electróxeno da cidade infanto-xuvenil, co obxectivo de renovar as instalacións e solucionar os defectos detectados. Renovaranse os dous centros de transformación actuais para fusionalos nun único centro de potencia, adecuado ás necesidades do complexo, executarase un novo cadro xeral de baixa tensión, renovaranse as liñas eléctricas de derivación individual que presentan fallos de illamento, e instalarase un grupo electróxeno de emerxencia. As obras desenvolveranse en catro fases e terán un prazo de execución de catro meses e unha semana.

O presidente da Deputación lembrou que “fai unhas semanas presentamos un ambicioso proxecto de mellora da eficiencia enerxética do centro dotado de 3,5 millóns de euros, e iso sen contar os preto de 1,4 millóns para renovar o pavillón deportivo do complexo”, ou outras cuestións do seu funcionamento diario, como o expediente de contratación para a subministración de produtos de droguería, aseo persoal e lavado de cociñas, servizos e lavandería, cun importe de preto de 100.000 euros e aprobado tamén este venres.

“Este impulso é tamén unha aposta pola cidade de Pontevedra, para dotala de instalacións públicas de calidade, modernas, accesibles e sostibles, cunha aposta que está facendo este goberno sen precedentes recentes”, sinalou o presidente Luis López.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.