A Deputación reparte 1,65 millóns de euros entre sete concellos do Deza e Tabeirós - Terra de Montes ao abeiro de Vía Depo, o novo plan provincial para arranxar as estradas municipais danadas polos temporais

A Xunta de Goberno da Deputación deu luz verde aos 82% dos fondos deste programa extraordinario, aprobando un total de 6,6 millóns de euros para 49 concellos da provincia

17/09/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o reparto de máis de 1,65 millóns de euros entre os concellos de Agolada, Dozón, A Estrada, Forcarei, Lalín, Rodeiro e Silleda ao abeiro de Vía Depo, o novo plan provincial para arranxar as estradas de titularidade municipal danadas polos temporais do inverno. Este plan extraordinario está dotado con 8 millóns de euros e vai dirixido aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes e a Xunta de Goberno da institución provincial aprobou o reparto do 82% dos fondos, un total de 6,6 millóns de euros para 49 concellos da provincia.

No caso das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, Agolada contará con 183.000 € para a mellora de camiños de titularidade municipal en sete tramos diferentes (Pista Couso-Hermida, Puente Cristín, Pista Cacharenzo-EP 6306, Pista Marquesado (Brocos), Pista Capela (Brocos), Pista EP 6306-Santa Comba e Pista EP 6306-Castro); Dozón con 114.000 € para a rehabilitación do firme en catro camiños en San Martiño e Bidueiros; A Estrada con 366.000 € para a reparación de vías municipais distribuídas polas parroquias de Barbude, San Pedro de Ancorados, A Estrada, Rubín e Souto; Forcarei con máis de 194.000 € para conservación e rehabilitación do firme en rúas do núcleo de Forcarei e no camiño de Valiñas á PO-534; Lalín con 376.000 € para a rehabilitación superficial de varios camiños de titularidade municipal en núcleos das parroquias de Cadrón (Lamas e O Castelo), Anzo (Sisto e Barrio) e Maceira (Pardesoa); Rodeiro con 190.000 € para a reparación e mellora da rede viaria municipal en tres ámbitos: Coreixas-Lamazares, Acceso a Barrio e Acceso a Melide, e Silleda 228.000 € para a mellora de vías municipais nas parroquias de Breixa e Parada.

O presidente provincial, Luis López, destacou que este primeiro reparto se produce apenas catro meses despois da aprobación do programa, dando resposta así ás demandas trasladadas polos alcaldes e alcaldesas da provincia. “En só catro meses despois da aprobación deste plan extraordinario, iniciamos xa o reparto de fondos aos concellos”, sinalou. O Vía Depo naceu como un programa extraordinario para atender diferentes necesidades dos concellos, especialmente as relacionadas co mantemento e mellora das estradas de titularidade municipal, os accesos a recursos naturais e a reparación dos danos provocados polos temporais deste inverno. O programa establece unha achega mínima de 50.000 euros por concello, mentres que o resto dos fondos se distribúe aplicando criterios obxectivos relacionados coa superficie, a poboación e o número de entidades singulares de cada municipio.