A Deputación reparte 1,16 millóns de euros entre 12 concellos da contorna do Salnés e Arousa ao abeiro de Vía Depo, o novo plan provincial para arranxar as estradas municipais danadas polos temporais
A Xunta de Goberno da Deputación deu luz verde ao 82% dos fondos deste programa extraordinario, aprobando un total de 6,6 millóns de euros para 49 concellos da provincia
17/09/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o reparto de máis de 1,16 millóns de euros entre os concellos da Illa de Arousa, Cambados, Catoira, Meaño, Meis, O Grove, Pontecesures, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa ao abeiro de Vía Depo, o novo plan provincial para arranxar as estradas de titularidade municipal danadas polos temporais do inverno. Este plan extraordinario está dotado con 8 millóns de euros e vai dirixido aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes e a Xunta de Goberno da institución provincial aprobou o reparto do 82% dos fondos, un total de 6,6 millóns de euros para 49 concellos da provincia.
No caso das contornas do Salnés e Arousa, A Illa de Arousa contará con case 66.000 € para a renovación integral da capa de rodaxe na rúa Aransa; Cambados con 98.000 € para a mellora da vía INV-231 no lugar de San Antón, en Vilariño, no tramo que vai desde o acceso ao lugar da Pedreira ata a conexión coa EP-9002; Catoira con 81.000 € para a renovación e acondicionamento da capa de rodaxe en 12 viarios e pistas municipais (Tarrío, Igrexa Dimo, Portocanles, As Penas 1 e 2, Rei Romero, A Ponte, Vilar, Aragunde, Casal de Mogos, Coaxe-Caldas, As Lombas e Viladesuso); Meaño con 89.000 € para a rehabilitación integral da capa de rodaxe e o acondicionamento de cunetas en seis camiños rurais nas parroquias de Dena, Xil e Meaño; Meis con 112.000 € para a conservación e mantemento integral do camiño de Carregal (na parroquia de Paradela) e o de Cativocas (Nogueira); O Grove con 90.000 € para a pavimentación das rúas Bizocas e Borreiros A, nos ramais Quinteiro de Temperán e Reboredo e en Villa de Millán, e Pontecesures con 62.000 € para a renovación integral do firme, a mellora do sistema de drenaxe e a implantación de medidas de pacificación do tráfico na rúa Ensanche.
Ademais, Ribadumia recibe 78.000 € para a reparación e mellora integral da capa de rodaxe en varios camiños municipais na parroquia homónima; Sanxenxo 122.000 € para o ensanche e pavimentación do camiño Guillabai, na parroquia de Dorrón; Valga 99.000 € para a reparación e mellora de cinco treitos de camiños municipais nos lugares de Moldes e Beiro (parroquia de Cordeiro), Cimadevila e Cedelo (Valga) e Parafita (Xanza); Vilagarcía de Arousa 163.000 € para a rehabilitación superficial do firme en diversas vías municipais mediante a renovación integral da súa capa de rodaxe, e Vilanova de Arousa 192.000 € para a recuperación da senda peonil litoral no Terrón e a reparación e ampliación de tres camiños rurais nas parroquias de Tremoedo (Cabreiro), Caleiro (Lugar de Curras) e Corón (Boutrín).
O presidente provincial, Luis López, destacou que este primeiro reparto se produce apenas catro meses despois da aprobación do programa, dando resposta así ás demandas trasladadas polos alcaldes e alcaldesas da provincia. “En só catro meses despois da aprobación deste plan extraordinario, iniciamos xa o reparto de fondos aos concellos”, sinalou. O Vía Depo naceu como un programa extraordinario para atender diferentes necesidades dos concellos, especialmente as relacionadas co mantemento e mellora das estradas de titularidade municipal, os accesos a recursos naturais e a reparación dos danos provocados polos temporais deste inverno. O programa establece unha achega mínima de 50.000 euros por concello, mentres que o resto dos fondos se distribúe aplicando criterios obxectivos relacionados coa superficie, a poboación e o número de entidades singulares de cada municipio.