A Deputación abre este martes 2 de xuño unha nova tempada de visitas guiadas ás Ruínas de San Domingos

Terán lugar ata o 15 de outubro e desenvolveranse de martes a venres ás 12:00 h e os sábados ás 18:00 h

30/05/2026

A Deputación abre este martes 2 de xuño unha nova tempada de visitas guiadas ás Ruínas de San Domingos

A Deputación de Pontevedra abre unha nova tempada de visitas guiadas ás Ruínas de San Domingos, o máis antigo dos sete edificios que conforman o Museo de Pontevedra. As visitas terán lugar de martes a venres ás 12:00 h e os sábados ás 18:00 h e pódense reservar previamente a través da web do Museo, museo.depo.gal.

As visitas, a cargo do equipo de Educación do Museo de Pontevedra, teñen unha duración de aproximadamente 30 minutos, nos que se explica a historia e o valor patrimonial do edificio, así como das pezas alí expostas. Son de balde e con reserva previa.

Ademais, o edificio pode visitarse tamén por libre ata o 31 de outubro. O horario de apertura é de martes a sábados de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 19:30 h. Os domingos e festivos abren só de mañá, de 11:00 a 14:00 h, e os luns permanecen pechadas.

As Ruínas de San Domingos son un lugar icónico da cidade de Pontevedra. Está constituído polos restos da antiga igrexa e do convento dominico da cidade, fundado cara a 1282. O que se conserva é a cabeceira da igrexa de cinco ábsidas, excepcional no gótico galego, parte do muro sur da igrexa e a entrada á sala capitular, que se corresponde con obras realizadas a partir de 1383.