A Deputación leva este martes o programa Son Verán ao Rosal da man dun concerto de Emilio Rúa

O músico ofrecerá o seu espectáculo de 25 aniversario aos muíños do Folón e do Picón no marco desta nova iniciativa provincial, formada por espectáculos de alta calidade artística en enclaves e espazos patrimoniais da provincia

03/08/2025

A Deputación de Pontevedra leva este martes 5 de agosto o novo programa provincial Son Verán ao Rosal da man dun concerto de Emilio Rúa. O música ofrecerá o seu espectáculo de 25 aniversario na área de recepción dos muíños do Folón e do Picón a partir das 21:00 horas no marco desta nova iniciativa provincial, un ciclo de 13 concertos entre os meses de agosto a outubro en enclaves e espazos patrimoniais e paisaxísticos dos concellos da provincia.

Emilio Rúa celebra o seu 25 aniversario desde a saída do seu primeiro disco no ano 2000 cun percorrido pola súa discografía con cancións coma “Vida miña” ou versións coma “A Carolina”. Nos seus concertos actúa en solitario coa súa guitarra e harmónica, dun xeito intimista pero cheo de enerxía e sensibilidade. Emilio Rúa é unha das voces galegas máis recoñecidas. Na súa longa traxectoria conxugou con composicións propias a canción de autor, a música tradicional e o pop, publicou unha ducia de discos, realizou preto de 200 concertos e púxolles voz aos poemas das e dos grandes autores da nosa literatura.

Ademais de Emilio Rúa, forman parte de Son Verán Óscar Ibáñez, Carlos Núñez, OperaConcert e o dúo conformado por Teo Cardalda e María Monsonís, que actuarán nos concellos de Baiona, Cangas do Morrazo, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Mondariz, Moraña, Poio, Ponteareas, O Rosal, Sanxenxo, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa. Son Verán é unha aposta da Deputación pola descentralización das actividades culturais ao longo de todo o territorio provincial, impulsando unha programación musical de primeiro nivel en todas as comarcas da provincia.

Emilio Rúa ofrecerá o seu espectáculo de 25 aniversario na Cañiza, Óscar Ibáñez en Cerdedo-Cotobade, a compañía OperaConcert en Cangas do Morrazo, Baiona e Sanxenxo, Carlos Núñez en Poio e Ponteareas, e o dúo formado por Teo Cardalda e María Monsonís visitarán Forcarei, Mondariz, Moraña e Vilanova de Arousa.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.