A Deputación financiará integramente as obras de pavimentación de 13 camiños municipais de Cambados cunha inxección de 300.000 euros do Plan +Provincia
O deputado provincial Javier Tourís anunciou que a axuda que se aprobará este venres na Xunta de Goberno permitirá mellorar vías das parroquias de Cambados, Castrelo, Corvillón, Oubiña e Vilariño que se atopan en mal estado
09/09/2026
O deputado provincial Javier Tourís anunciou este mércores en Cambados que a Deputación de Pontevedra financiará integramente, cunha inxección superior aos 300.000 euros, as obras de pavimentación dun total de 13 camiños municipais. A achega aprobarase este venres na Xunta de Goberno no marco do Plan +Provincia 2026-2027, que destina a Cambados preto de 1,9 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña de investimentos de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.
Javier Tourís sinalou que os camiños emprázanse nas parroquias de Cambados, Castrelo, Corvillón, Oubiña e Vilariño, todos eles cunha capa de rodaxe moi deteriorada e cunetas en mal estado, polo que o obxectivo primordial das obras é mellorar as condicións de circulación e de seguridade. Na parroquia de Cambados actuarase na rúa Rafael Dieste para o fresado e pavimentación da totalidade da vía, e nunha zona na que se producen charcos instalarase un sumidoiro que conectará coa rede na rúa Valle Inclán.
En Castrelo actuarase en cinco camiños. No Facho, no tramo de asfalto procederase ao varrido da superficie e pavimentación a base de aglomerado en quente. Ademais, recalcearanse as tapas de rexistro e arquetas. No tramo de terra, procederase á apertura de caixa, achega dunha base de saburra e pavimentación con formigón armado. En Xesteiras as actuacións consistirán na limpeza de cunetas e colocación de tubaxe para evacuación das augas. En Lourido procederase ao escarificado, achega dunha capa de pedra, tratamento semiprofundo bituminoso e pavimentación con firme a base de aglomerado en quente. En Couto de Abaixo e Couto de Arriba, nas zonas de sobreancho en terra procederase á apertura de caixa, formación de paquete en firme, varrido da superficie asfaltada e pavimentación a base de aglomerado en quente.
Na parroquia de Corvillón actuarase nun camiño na Veiga para executar unha base de saburra, un tratamento superficial bituminoso e a pavimentación a base de aglomerado en quente. En Oubiña actuarase en dous camiños, na Cereixeira (nas zonas de sobreancho en terra procederase á apertura de caixa e achega dunha base de saburra, con tratamento superficial bituminoso; e tamén ao varrido da superficie e pavimentación con base de aglomerado en quente) e en Bouza do Rei (escarificado en todo o pavimento, achega dunha capa de pedra, tratamento semiprofundo bituminoso e pavimentación a base de aglomerado en quente).
Por último, en Vilariño actuarase en Cacabelos (nas zonas de sobreancho executarase a apertura de caixa e formación de paquete de firme, e a nova pavimentación será a base de aglomerado en quente), en Quintá (co fresado e pavimentación a base de aglomerado en quente e o recalce das tapas de rexistro e sumidoiros), en Santo Antón (ensanche mediante retranqueo da aliñación ata os 4 metros pola marxe dereita, construción dun muro de contención para soportar a pista, e no sobreancho procederase á apertura de caixa, achega de base de saburra, tratamento superficial butiminoso e pavimentación con aglomerado en quente) e, por último, na Modia (nas zonas de sobreancho en terra, procederase á apertura de caixa, formación de paquete de firme, varrido da superficie e pavimentación con aglomerado en quente, así como o recalce das tapas de rexistro e arquetas. Tamén se mellorará a evacuación de augas pluviais na zona próxima á E-9002 coa instalación dunha canle).
O deputado provincial sinalou que o Plan +Provincia 2026-2027 “conta con 85 millóns de euros para que os concellos poidan facer realidade os seus grandes proxectos”. A Deputación “é consciente de que os concellos precisan de financiamento para poder levalos a cabo, e por iso este é o plan de cooperación cos concellos máis ambicioso da historia da Deputación”, asegurou. Javier Tourís puxo en valor que o Plan +Provincia “é froito do noso compromiso de ser o goberno do municipalismo, con autonomía para que os concellos poidan decidir a que dedican os recursos que lles corresponden e coñecen de antemán para poder planificarse”.
