A Deputación destina case 250.000 euros á mellora e restauración da fonte de Rial e outros seis lavadoiros municipais de Nigrán
O deputado Jesús Vázquez Almuiña visitou o concello e anunciou que este venres se aprobará en Xunta de Goberno unha achega do Plan +Provincia para poñer en valor estes elementos patrimoniais
22/07/2026
O deputado provincial Jesús Vázquez Almuiña visitou este mércores Nigrán, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra vai financiar máis do 80% das obras de mellora e restauración da fonte de Rial e outros seis lavadoiros municipais. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres unha achega case 250.000 euros para sufragar esta actuación enmarcada no Plan +Provincia 2026-2027, que destinará a Nigrán preto de 2 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de investimentos de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.
O proxecto consiste na conservación, restauración, recuperación e consolidación da Fonte do Rial, na parroquia de Camos, e de seis lavadoiros públicos de propiedade municipal: Rans (San Pedro), Cabreira (San Pedro), Carballal (Camos), Mina Camos (Camos), O Torreiro Nandín (Parada) e Pracins de Abaixo (Chandebrito). A actuación comprende a limpeza e restauración dos propios lavadoiros e a eliminación e desmonte de todos os sistemas e elementos construtivos alleos á peza orixinal (bloques de formigón, pilares e cubertas de formigón, pavimentos de plaquetas, morteiros, etc.). Deste xeito, recuperaranse muros de granito do país, instalaranse novos piares de granito e cubertas inclinadas a unha ou dúas augas segundo sexa a situación e tipoloxía. Tamén se rexenerará a contorna pública que rodea estes elementos, deseñando espazos de calidade, con novos pavimentos, novas instalacións de iluminación e completando a actuación coa rexeneración das zonas verdes adxacentes.
Jesús Vázquez Almuiña puxo en valor que cos recursos provinciais “estamos dando resposta ás demandas dos concellos, que poden facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza”. Neste sentido, o deputado sinalou que a través de plans como o +Provincia, a Deputación “está a impulsar actuacións tan relevantes como estas que hoxe anunciamos en Nigrán, que recuperan e poñen en valor o noso patrimonio”.
