A Deputación destina preto de 240.000 euros a mellorar a capa de rodaxe de varios camiños en Vila de Cruces
A deputada Belén Cachafeiro visitou o concello e anunciou que este venres se aprobará en Xunta de Goberno unha achega do Plan +Provincia para actuar en nos Camanceiros, Pinlle, Guieral, entre outros
05/08/2026
A deputada provincial Belén Cachafeiro visitou este mércores Vila de Cruces, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra vai financiar ao 100% as obras de mellora da capa da rodaxe de camiños nos Camanceiros, Pinlle, Guieral e outros. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres unha achega de preto de 240.000 euros para sufragar esta actuación enmarcada no Plan +Provincia 2026-2027, que destinará a Vila de Cruces máis de 1,3 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de investimentos de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.
O proxecto céntrase na mellora do firme e da capa de rodaxe en varios camiños en mal estado de conservación a través de tarefas de limpeza, reparación de fochancas, pavimentación de entronques e sobreanchos, e a extensión dunha nova capa de aglomerado asfáltico. Estas actuacións abranguen un total de nove viarios repartidos polas parroquias de Toiriz (no lugar de Barrio), Camanzo (nos Camanceiros), Brandariz (en Pinlle), a zona mixta de Camanzo e Brandariz (camiño en Guieral-Pinlle), Piloño (camiños en Combarro e Cerdeiriñas) e Carbia (camiños nos lugares do Abollo, A Pena e Cobas), adaptándose en cada tramo ás necesidades específicas de limpeza de cunetas, ramais secundarios ou áreas sociais.
Belén Cachafeiro puxo en valor que cos recursos provinciais “estamos dando resposta ás demandas dos concellos, que poden facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza”. Neste sentido, a deputada sinalou que a través de plans como o +Provincia, a Deputación “está a impulsar actuacións tan relevantes como estas que hoxe anunciamos en Vila de Cruces, que buscan mellorar a vida dos e das veciñas”.
