A Deputación financiará integramente as obras que eliminarán a curva perigosa na rúa Fontecarmoa, en Vilagarcía de Arousa, con preto de 400.000 euros do Plan +Provincia

O deputado provincial Javier Tourís anunciou que a axuda será aprobada este venres na Xunta de Goberno e permitirá ampliar a curva dos 3,8 metros actuais a entre 5 e 7, segundo o treito, así como renovar os servizos

08/07/2026

A Deputación financiará integramente as obras que eliminarán a curva perigosa na rúa Fontecarmoa, en Vilagarcía de Arousa, con preto de 400.000 euros do Plan +Provincia

O deputado provincial Javier Tourís acaba de anunciar en Vilagarcía de Arousa que a Deputación de Pontevedra se encargará de financiar integramente a actuación de mellora da curva perigosa da rúa Fontecarmoa mediante a incorporación duns terreos privados de máis de 500 m2. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres unha achega de preto de 400.000 euros para sufragar esta actuación enmarcada no Plan +Provincia 2026-2027, que destinará a Vilagarcía de Arousa máis de 2,6 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.

Javier Tourís sinalou que se trata dun proxecto de delimitación da parcela e urbanización dos terreos cedidos ao concello que se incorporarán á vía municipal da rúa Fontecarmoa co que aumentarán considerablemente as condicións de seguridade da vía ao eliminar un punto negro da rede viaria municipal. A rúa ten unha curva moi pechada e estreita sen apenas visibilidade, sen beirarrúas nin beiravías, nunha zona de elevado tránsito ao discorrer polo lateral do instituto Bouza Brey e as pistas de atletismo. Coas obras, a curva pasará dos 3,8 metros actuais de ancho a entre 5 e 7 metros, dependendo da zona. Na travesía Fontecarmoa, que apenas ten 2 metros de ancho, gañará superficie do retroceso do muro da finca. Ademais, renovarase a pavimentación, executaranse novos muros de peche e valado perimetral, reporase a sinalización e tamén se levarán a cabo novas acometidas de saneamento, abastecemento e electricidade.

O deputado provincial sinalou que o Plan +Provincia 2026-2027 “conta con 85 millóns de euros para que os concellos poidan facer realidade os seus grandes proxectos”. A Deputación é consciente de que os concellos “precisan de financiamento para podelos levar a cabo, e por iso este é o plan de cooperación cos concellos máis ambicioso da historia da Deputación”, asegurou. Tourís puxo en valor que a concepción do Plan +Provincia “obedece ao compromiso de ser o goberno do municipalismo, dándolles autonomía para que poidan decidir a que dedican os recursos que lles corresponden”.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.