A Deputación esgota as prazas para participar na última ruta ornitolóxica de Voando nas Rías Baixas na enseada de San Simón
Da man de SEO/BirdLife, a actividade realizarase o domingo 14 de decembro nun dos mellores lugares para observar aves limícolas ou anátidas
01/12/2025
A Deputación de Pontevedra esgota, en soamente dez minutos desde a apertura do prazo, as prazas para participar na ruta ornitolóxica do programa Voando nas Rías Baixas, que terá lugar o domingo 14 de decembro, na enseada de San Simón. En colaboración de novo coa asociación SEO/BirdLife, esta será a última das sete rutas ornitolóxicas organizadas durante o ano para sensibilizar a poboación sobre os recursos culturais e naturais da provincia de Pontevedra e a importancia de conservar o medio natural.
A enseada de San Simón destaca no máis profundo da ría de Vigo, onde a influencia das mareas propicia a invernada de aves acuáticas e mariñas, ademais dunha gran riqueza de contornas arbóreas que a converten nun espazo protexido pola Rede Natura 2000. Ademais do pato asubiador, que ten en San Simón un dos mellores lugares de invernada de Galicia, é posible observar outras aves anátidas e limícolas atractivas.
A ruta, na que as e os 25 participantes estarán acompañados por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús tanto para o desprazamento coma para a visita da zona na que ten lugar a actividade, e recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado. Cada participante terá á súa disposición unha guía de aves, prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.