A Deputación de Pontevedra colabora con 120.000 euros coa Federación Galega de Fútbol para desenvolver a Copa Deputación 2026

O presidente provincial Luis López remarcou que “unimos as nosas forzas para garantir o bo desenvolvemento dunha competición que é de enorme popularidade entre o fútbol base e de categorías da provincia”

17/04/2026

A Deputación de Pontevedra colabora con 120.000 euros coa Federación Galega de Fútbol para desenvolver a Copa Deputación 2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o convenio de colaboración coa Federación Galega de Fútbol para a Copa Deputación 2026, á que destina 120.000 euros. “Deputación e Federación unimos as nosas forzas de novo para garantir o bo desenvolvemento dunha competición que é de enorme popularidade entre o fútbol base e de categorías da provincia”, remarcou o presidente provincial, Luis López.

En concreto, na competición masculina participarán equipos da provincia adscritos ás delegacións de Pontevedra, Santiago e Vigo, inscritos nas distintas divisións da categoría afeccionados de ámbito autonómico, e na feminina os equipos adscritos ás mesmas delegacións nas distintas divisións da categoría sénior feminino de ámbito autonómico.

Tal e como está recollido no convenio aprobado hoxe, a Federación é a encargada de aboar aos clubs os importes pola participación na competición, que van dos 250 aos 400 € euros en función da categoría na que compitan, mentres que a Deputación de Pontevedra faise cargo de sufragar os gastos asociados dos arbitraxes e dos premios, tanto da fase previa como das eliminatorias e da final. “Segundo vaian avanzando eliminatorias irán sumando máis contías, sendo o premio para os equipos gañadores feminino e masculino de 2.900 euros”, confirmou o presidente provincial.

audios