A Deputación aproba 90.000 euros do IV Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para o complexo deportivo de Chan, en Arbo
Estes recurso permitirán ao concello instalar unha nova pista de pádel para ampliar a oferta deportiva para a veciñanza
06/11/2026
Luis López anunciou hoxe en conferencia de prensa que a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar novos recursos do IV Plan de Infraestruturas Deportivas, con 90.000 € para construír unha nova pista de pádel no complexo deportivo municipal de Chan, no concello de Arbo.
A nova pista instalarase co obxectivo de ampliar a oferta deportiva do concello e estará localizada ao carón da que se está rematando de construír na actualidade, sobre unha chaira asfaltada destinada a aparcadoiro e terá unha superficie de 20x10 metros. Os traballos inclúen a preparación do terreo, co corte da soleira actual, o movemento de terras e a prolongación do muro de contención de granito. Tamén se instalará unha estrutura metálica con cuberta de chapa, que se unirá á da pista preexistente para tapar o corredor central. A propia pista terá un cerramento perimetral de vidro temperado a superficie de céspede artificial fibrilado. Ademais, instalaranse catro postes con proxectores LED para iluminar a pista e a zona exterior de espera.
O cuarto Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas está dotado con 8 millóns de euros e permite aos concellos de menos de 50.000 habitantes impulsar novas instalacións deportivas, modernizar e mellorar as existentes, dotar de equipamento estes espazos ou adquirir terreos para uso deportivo. O presidente provincial lembrou que o prazo para solicitar estes recursos aínda está aberto ata o 17 de decembro.
