A Deputación aproba máis de 460.000 euros das liñas 1 e 2 do Plan +Provincia para A Lama e Ponte Caldelas
O presidente provincial explicou que o Concello de Ponte Caldelas recibe máis de 335.000 € para dous proxectos ao abeiro da liña 1, mentres que o da Lama conta con 125.000 € da liña 2
15/05/2026
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe destinar máis de 460.000 euros das liñas 1 e 2 do Plan +Provincia 2026-2027 para os concellos de Ponte Caldelas e da Lama. En concreto, Ponte Caldelas recibe máis de 335.000 euros da liña 1 de investimentos para desenvolver dous proxectos, mentres que A Lama conta con 125.000 euros ao abeiro da liña 2 de gasto corrente.
No caso de Ponte Caldelas, hoxe aprobáronse 220.000 euros para as obras de mellora dos camiños municipais de Vilarchán, Mirón, Caldelas, Covelo e Regodobargo, nos que, en liñas xerais, se executarán novas capas de rodaxe, se limparán as marxes e cunetas e se porán novas sinalizacións. Ademais, recibe 115.000 euros para facer fronte á achega municipal do proxecto para a recuperación peonil dos espazos entre as prazas de España e Antonio Orge, que recibira xa 460.000 € do Plan Extra 2024, polo que estará financiado ao 100% pola Deputación. Pola súa banda, os 125.000 € da liña 2 que recibe o Concello da Lama permitiranlle financiar os honorarios de asistencia técnica anual.
Luis López lembrou que o Plan +Provincia 2026-2027 está dotado de 85 millóns de euros. “Seguimos sumando recursos destes 85 millóns, o que fan deste o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da nosa historia”, asegurou o presidente da Deputación.
