Luis López confirma a aprobación de recursos por valor de preto de 1,7 millóns de euros para melloras en infraestruturas e estradas provinciais de Arbo, Baiona, Mos, As Neves e Redondela

O presidente detallou que estes recursos forman parte dun paquete máis amplo de axudas que aprobou a Xunta de Goberno provincial, con 2,4 millóns de euros do Plan +Provincia para nove concellos e outros 7,2 millóns para melloras en estradas provinciais de oito concellos

08/05/2026

Luis López confirma a aprobación de recursos por valor de preto de 1,7 millóns de euros para melloras en infraestruturas e estradas provinciais de Arbo, Baiona, Mos, As Neves e Redondela

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de confirmar a aprobación de recursos por valor de preto de 1,7 millóns de euros para melloras en infraestruturas e estradas provinciais en Arbo, Baiona, Mos, As Neves e Redondela. López detallou que estes recursos forman parte dun paquete máis amplo de axudas que aprobou a Xunta de Goberno provincial, con 2,4 millóns de euros do Plan +Provincia para nove concellos e outros 7,2 millóns para melloras en estradas provinciais doutros oito concellos.

No caso do Concello das Neves, o goberno da Deputación aprobou recursos do Plan +Provincia por valor de case 75.000 que servirán para cubrir a achega municipal para a urbanización do polígono do Plan Xeral de Ordenación Industrial, que recibira xa 423.000 € do Plan Extra 2025. Desde xeito, a institución provincial financiará con medio millón de euros o 100% desta actuación.

O mesmo acontece con Mos, que acaba de recibir case 300.000 € para cubrir a achega municipal para a humanización de Pereiras-Tameiga, unha actuación que ascende aos preto de 1,5 millóns de euros e que vai ser financiada integramente pola Deputación de Pontevedra xa que, aos 300.000 € que aprobou a Xunta de Goberno desta semana, hai que engadir outros 300.000 € do Plan +Provincia 2025 e 900.000 € do Plan Extra 2024.

Pola súa banda, Redondela recibirá máis de 107.000 € da liña 2 de gasto corrente do Plan +Provincia para financiar o subministro de electricidade en alta e baixa tensión do concello.

1,3 millóns de euros para melloras de estradas provinciais en Arbo e Baiona

Ademais dos recursos do Plan +Provincia, a Xunta de Goberno desta semana deu luz verde a recursos por valor de 1,3 millóns de euros para melloras de estradas provinciais en Arbo e Baiona. “Investimentos para seguir mellorando a rede viaria provincial e reforzar a seguridade para futuras eventualidades, porque os deberes feitos en maio son os que marcan a diferenza en inverno, cando chegan os temporais”, asegurou o presidente Luis López.

Deste xeito, aprobouse o expediente de contratación para adxudicar as obras de mellora da drenaxe na estrada provincial do lugar da Ermida, na parroquia de Mourentán, en Arbo, por valor de preto de 300.000 €. Trátase dunha actuación que se executará nun tramo comprendido entre os puntos quilométricos 9+706 e o 10+116 da EP-5003 A Caniza-Arbo onde se demolerán beirarrúas, canalizaranse pluviais e mellorarase a drenaxe con novas tubaxes, pozos e sumidoiros, así como soterraranse as redes de alumeado público e executaranse novos pavimentos, pintura e sinalización horizontal e vertical.

Ademais, adxudicouse a mellora da mobilidade peonil da estrada ao seu paso por Baredo, entre fonte de Río e Montealto, no Concello de Baiona, cun investimento de 900.000 €. Trátase dunha actuación entre os puntos quilométricos 1+660 e o 2+550 da EP-2203 Baredo-EP Baiona-Loureza, coincidido cun tramo do Camiño Portugués pola Costa, onde está previsto incrementar o espazo dispoñible para os peóns coa creación dunha senda na marxe esquerda que permite un itinerario continuo, seguro e accesible, ademais dunha zona de convivencia cando o ancho da vía non permite o cumprimento das condicións de accesibilidade.