Luis López recoñece a contribución de Carmen Avendaño e as “Nais Contra a Droga” na construción dunha provincia mellor que se rebela contra o narcotráfico

O presidente provincial, acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, participa en Vigo na homenaxe ao colectivo de nais de Érguete con motivo do 40 aniversario da asociación que iniciou o movemento social contra o narcotráfico e as drogas

09/10/2025

Luis López no 40 aniversario de Érguete

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de recoñecer o legado de Carmen Avendaño, do colectivo de "Nais contra a Droga" e todos os integrantes de Érguete que, coa súa loita contra o narcotráfico, puxeron os piares dunha provincia mellor, máis segura, sa e xusta. Acompañado pola vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, o mandatario provincial participou esta tarde no auditorio de Afundación en Vigo, na conmemoración do 40 aniversario de Érguete, un colectivo de referencia no eido do benestar social da provincia e que conta coa colaboración da Deputación, no que se rendeu homenaxe ao colectivo de nais que plantaron cara ao narcotráfico e denunciaron os problemas que estaba a ocasionar na sociedade de Vigo e de toda a provincia as adiccións ás drogas.

"Cando Carmen, as nais e Érguete deron un paso adiante, facer o correcto era facer o máis difícil. O doado era mirar cara outro lado, seguir como se nada ou cambiar de beirarrúa... Pero  as secuelas da droga alcanzaron o máis prezado da súa vida. Grazas, Carmen. Grazas, Dora. Grazas, Tonina. Grazas a todas as Nais contra a Droga por facer o correcto, aínda que fóra difícil. Estaremos sempre en débeda con vós", agradeceu o presidente Luis López.

Con motivo do corenta aniversario deste colectivo fundado no ano 1985 por un grupo de nais que sufría a lacra da drogodependencia nos seus fillos e que converteuse en referencia de loita contra o narcotráfico e na atención a persoas con problemas de adicións reuníronse no auditorio Afundación de Vigo representantes de todos os eidos da sociedade tanto da cidade como da provincia e de toda Galicia. O acto comezou co recoñecemento sobre o escenario ás Nais de Érguete, que despois da quenda de discursos institucionais, recibiron un agasallo de mans do xurista Baltasar Garzón e de Xulia Alonso, autora de Futuro Imperfecto. Así mesmo, a celebración contou con actuacións musicais a cargo das Pandereteiras de Ledicia de Trasmañó, da escola de baile Media Punta, de Fillas de Cassandra e da Banda da Loba; así como dos cómicos Xosé Touriñán e Carlos Blanco. 

No seu discurso, o presidente da Deputación lembrou e valorou a loita iniciada por Carmen Avendaño, fundadora de Érguete; e o resto de nais nos anos 80. "Estamos afeitos a que as grandes historias da ficción inspiren á vida real. Con Carmen, con Érguete, sucede xusto ao contrario. É a súa historia real a que acabou por inspirar á ficción. Quen máis e quen menos viu, escoitou ou leu a unha Carmen plantarlle cara aos narcos, cando ninguén o facía; ás Nais contra a Droga proclamar que elas non eran 'nin locas nin terroristas' senón que eran 'nais moi realistas'; ou a unha cidade coma Vigo e unha provincia coma Pontevedra sumirse na espiral de autodestrución persoal e social que sempre trae consigo a droga, como ocorreu hai non tanto, con barrios enteiros carcomidos polas adiccións. Este 40 aniversario xustíficase tamén para poder dicirlle ás máis novos que todo isto ocorreu", contextualizou López, que salientou o papel de precursoras deste colectivo de nais para iniciar o movemento social que acabou co narcotráfico.

Neste sentido, remarcou o dirixente provincial que o labor de colectivos como Érguete seguen a ser moi necesarios na actualidade. "Érguete segue a ser un colectivo fundamental para a inclusión e o benestar na nosa provincia. Chega a onde as Administracións non somos quen de chegar. Segue a ser necesario que Érguete manteña o camiño, porque a loita contra o narcotráfico, lonxe de remitir, está extremadamente activa; seguen a ser imprescindibles o apoio especializado para as vítimas; e segue a ser clave que Érguete actúe como correa de transmisión cando aparecen novas e ameazantes adiccións que teiman en estragar o futuro dos nosos mozos e mozas", recoñeceu López para reafirmar o compromiso da Deputación cun colectivo que recibe cada ano o apoio provincial para os seus programas de emprego e que está ao carón da súa actividade diaria. De feito, este ano os 40 anos de loita de Érguete protagonizarán un dos capítulos de Aqui Faltan Páxinas, o podcast impulsado pola Deputación para darlle visibilidade ás mulleres que cambiaron o rumbo da provincia.

Galerias de imaxes