A Deputación destina 870.000 euros do Plan +Provincia e do PEID aos concellos da Illa de Arousa, Meis, O Grove e Valga
O presidente provincial detallou que Meis recibe 90.000 euros e Valga máis de 350.000 euros da liña 1 do Plan +Provincia, o Grove 180.000 euros da liña 2 e preto de 145.000 euros do PEID e A Illa de Arousa 105.000 euros para as infraestruturas deportivas
22/05/2026
Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno destinar 870.000 euros do +Provincia e do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para os concellos da Illa de Arousa, Meis, O Grove e Valga. O presidente Luis López detallou que Meis recibe 90.000 euros e Valga máis de 350.000 euros, ambos da liña 1 do Plan +Provincia, o Grove 180.000 euros da liña 2 e preto de 145.000 euros do PEID e A Illa de Arousa 105.000 euros do mesmo plan.
En concreto, os preto de 90.000 € que recibe Meis permítenlle cubrir a achega municipal do Plan Extra 2025, polo que a institución provincial financia ao 100% o orzamento de 588.000 €. A actuación proxectada permitirá transformar a contorna do CPI O Mosteiro para mellorar a seguridade viaria e ampliar os espazos destinados á cidadanía, actuando principalmente na Rúa Alcalde Jorge Casal e na súa conexión coa Praza de España. O proxecto contempla a creación dunha nova praza con zonas verdes, arborado, iluminación e mobiliario urbano, así como a ampliación da senda peonil cara á Praza de España para gañar espazo para os peóns e reducir a presenza do tráfico, entre outras actuacións.
Valga, pola súa banda, 350.000 euros para dous proxectos. Por unha banda, preto de 180.000 € para cubrir a achega municipal do convenio firmado coa Deputación para a mellora da mobilidade peonil na EP-8501 Valga-Martores e a EP-8502 Valga Baño, e, pola outra, 175.000 € para cubrir a achega municipal do Plan Extra 2025, polo que a institución provincial financia ao 100% o orzamento de 700.000 € do proxecto de dotación de equipamento, principalmente xogos infantís, zona multiúsos e iluminación, ao conxunto das Lagoas das Minas Mercedes e Porto Piñeiro.
Ademais, os 105.000 euros que recibirá A Illa de Arousa permitiranlle proceder á rehabilitación integral do edificio de usos náutico-deportivo situado no lugar do Bao, que presenta na actualidade un notable desgaste que fai necesaria unha intervención completa para garantir unhas condicións óptimas de seguridade, salubridade e funcionalidade para a práctica deportiva. As obras inclúen actuacións previas como o desmonte de elementos afectados; a impermeabilización de cubertas transitables; o saneamento do selado de fiestras, que inclúe limpeza de carpinterías, retirada de selantes deteriorados e aplicación de novas xuntas de estanquidade; a reparación de fachadas; a rehabilitación da estrutura metálica da vela; a mecanización da persiana de entrada, ou, entre outras a reparación de interiores.