Luis López subliña “o acerto” de ter recuperado a Bienal de Pontevedra, gañadora do Premio da Cultura Galega 2025 na categoría Artes Visuais
“Nun momento no que estamos a falar de futuro, celebramos unha edición complexa e, como se ve, exitosa… mentres xa preparamos a Bienal de Pontevedra de 2027, cun orzamento de 210.000 euros”, destacou o presidente da Deputación
07/11/2025
Luis López subliña “o acerto” de ter recuperado a Bienal de Pontevedra tras coñecer a noticia que transcendeu onte “e nos enche de orgullo”: o Premio da Cultura Galega 2025 na categoría Artes Visuais. “Nun momento no que estamos a falar de futuro, celebramos unha edición complexa e, como se ve, exitosa… mentres xa preparamos a Bienal de Pontevedra de 2027, cun orzamento de 210.000 euros”, destacou o presidente da Deputación.
“Logo da reunión do xurado celebrada onte para os Premios da Cultura Galega, a Bienal de Pontevedra foi recoñecida xunto con outros grandes nomes da cultura galega pola súa excelencia creativa e a proxección que deron do noso panorama cultural”, remarcou o presidente Luis López quen felicitou a Rafa Domínguez pola recuperación da Bienal despois de quince anos de ausencia.
“Rafa Domínguez tivo unha idea e acertou por múltiples motivos: coa temática, a paz en tempos no que é máis precisa que nunca; coa asistencia, pois congregou a máis de 125.000 espectadores; coa proposta, porque case 9 de cada 10 dan a súa conformidade para repetir en 2027; e, por último, ao ver recoñecida a súa iniciativa, e a de todo o Museo de Pontevedra, con este Premio da Cultura Galega”, subliñou o presidente da Deputación.
