Luis López ratifica o apoio da Deputación á organización dos mundiais de tríatlon ITU Multisports cunha achega de 100.000 euros que será aprobada a vindeira semana

O mandatario adianta a aprobación no pleno da vindeira semana dunha modificación de crédito de 9,1M€ que servirá, entre outros asuntos, para colaborar coa proba e reforzar a política provincial de atracción de grandes eventos deportivos

23/05/2025

luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de ratificar a colaboración da Deputación na organización dos mundiais de tríatlon ITU Multisports que acollerá a cidade do Lérez o vindeiro mes de xuño. Un apoio de 100.000€ que, segundo avanzou este venres o mandatario provincial, serán aprobados nunha modificación de crédito de 9,1 millóns de euros á que dará luz verde o pleno da Deputación o vindeiro 30 de maio. Uns recursos que servirán tamén para reforzar a colaboración co movemento veciñal a través do aumento das partidas dos distintos plans de Acción Comunitaria —Provincia Comunitaria, +Aqua e Novaqua— ata acadar a cifra récord de 5 millóns de euros de orzamento.

“O tríatlon é unha proba que sempre apoiamos desde a Deputación. A axuda responde á política provincial de apoio aos grandes eventos deportivos e á vontade do vicepresidente Domínguez de situar a Pontevedra no foco das miradas con proxectos como a Bienal”, explicou o presidente Luis López, quen confirmou tamén que esta colaboración xa lle fora comunicada ao goberno local hai varios días. “Teño que amosar a miña incredulidade ante as declaracións vertidas onte polo alcalde Lores poñendo en dúbida o que en teoría debería saber. Digo en teoría porque, unha de dúas: Se o goberno local non compartiu a información co señor Lores, entón non é un problema da Deputación, senón interno do Concello; ou se esa información era coñecida polo alcalde, e aínda así formula estas acusacións, eu creo que está máis preocupado polo vicepresidente que polo tríatlon”, argumentou López con motivo das declaracións de Lores nas que afirmaba a falta de apoio da Deputación aos mundiais de tríatlon.

Edificios centrais do Museo de Pontevedra

Tamén fixo referencia o presidente provincial ás críticas do goberno local pola tramitación do proxecto de reforma e reapertura dos edificios centrais do Museo de Pontevedra. “Igual é Lores quen debería retirar a Mosquera, que estivo aquí oito para realizar un proxecto básico, de execución, solicitar permisos e licencias e non fixo nada. Estas acusacións entran dentro do pánico político pola boa xestión do vicepresidente Rafa Domínguez”, explicou Luis López, quen ve con bos ollos as présas que desde a oposición tratan de meter á tramitación deste proxecto porque “ninguén máis ca nos ten vontade de abrir os edificios centrais e eles terán a opción de demostrar esas presas no momento que fagamos a solicitude de licencias ao Concello, porque ultimamente a concesión de licencias van como van”, lamentou López.

Investimentos da Deputación en Pontevedra e Vigo

A petición dos alcaldes de Pontevedra e Vigo, Miguel Anxo Fernández Lores e Abel Caballero, de incrementar os fondos que a Deputación achega cada ano a estes Concellos, que é de 2,5 e 5 millóns de euros respectivamente, tamén recibiu resposta por parte do dirixente provincial. “É curioso que pidan agora a actualización do IPC cando en oito anos non houbo ningunha solicitude”, puntualizou López. Con respecto aos investimentos da Deputación en Vigo, engadiu o presidente que “a Deputación nunca antes investira tanto en Vigo”, dixo mencionando proxectos como a construción da grada de Gol de Balaídos, a recuperación do Cine Fraga ou os 6 millóns de euros rescatados, grazas ás xestións da vicepresidenta Luisa Sánchez, para executar obras de mobilidade na cidade que se ían perder por incumprir os prazos. “En dous anos, levamos 30 millóns de euros”, remarcou o presidente.

No caso de Pontevedra a situación é similar, ademais dos 2,5 millóns de euros do convenio co Concello, a Deputación ten en marcha proxectos singulares coma a reforma de Santa Clara, a mellora da mobilidade en Tomeza ou a recuperación da Bienal, entre outras.

videos

audios