O pleno da Deputación aproba unha modificación de créditos de 9,2M€ para seguir mellorando a seguridade das estradas e reforzar os plans de Acción Comunitaria
A sesión plenaria ordinaria serviu para dar luz verde á primeira prórroga do acordo marco para as obras de conservación da rede viaria provincial por un ano, así como o cambio de titularidade de dúas estradas a favor dos concellos de A Cañiza e Ribadumia
30/05/2025
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de maio cos votos favorables dos deputados do grupo popular unha modificación de créditos, a terceira deste ano, por valor de 9,2M€, financiado case na súa integridade con remanentes de tesourería, que se destinarán principalmente á mellora da rede viaria provincial, a incrementar a partida dos programas de Acción Comunitaria e ao apoio de eventos de interese para a provincia como os festivais de música Rías Baixas Fest ou os mundiais de tríatlon ITU Multisports de Pontevedra. Do mesmo xeito, a sesión serviu para dar luz verde por unanimidade á primeira prórroga do acordo marco para as obras de conservación de firmes da rede viaria da Deputación. Unha ampliación por un ano para renovar as adxudicacións dos seis lotes que compoñen un contrato valorado en 4,4M€. No apartado de mocións, saíu adiante a proposta do grupo provincial do Partido Popular para reclamar ao Goberno central a rebaixa do IVE do peixe e dos produtos do mar; así coma a do grupo nacionalista, cos votos favorables dos deputados do BNG e a abstención de populares e socialistas, para a dignificación do servizo do GES do Val Miñor.
A sesión comezou co debate relacionado co expediente de modificación de créditos, do que o grupo nacionalista votou en contra e o grupo socialista se abstivo. Unha proposta do goberno provincial para inxectar preto de 9,2M€ ás arcas da Deputación con recursos procedentes case na súa totalidade de aforros de anos anteriores (9,1M€) e de baixas por anulación de contratos (110.000€). Uns fondos que se destinarán principalmente ao servizo de Infraestruturas, que incrementará en 6 millóns de euros a súa dotación para seguir investindo na mellora e modernización da rede de estradas provinciais. Este servizo xa contaba cunha dotación de 24 millóns de euros no orzamento deste ano, no que experimentou unha suba de 8 millóns de euros con respecto ao orzamentado no ano 2024. Un reforzo que demostra o compromiso do goberno provincial co mantemento das estradas e a seguridade viaria. Outro dos servizos que se reforzan con esta inxección de recursos é o de Acción Comunitaria, que recibe 2,3M€ para atender a demanda dos programas de Acción Comunitaria: Provincia Comunitaria, +Aqua e Novaqua. Así mesmo, destínanse tamén recursos para iniciativas beneficiosas para a provincia, como son o patrocinio dos festivais de música do verán Rías Baixas Fest, que reciben 160.000€; o patrocinio dos mundiais de tríatlon ITU Multisports que se celebran este mes de xuño en Pontevedra, cun apoio de 100.000€; a instalación dun skatepark en Príncipe Felipe, por 15.000€; ou a posta en marcha do programa +Mobe, por 55.000€.
Outros acordos destacados deste pleno, e aprobados por unanimidade, foron o cambio de titularidade de dous treitos de vías provinciais a favor dos concellos de A Cañiza e Ribadumia unha vez executada a súa reforma, a aprobación da memoria modificada do proxecto de “Rehabilitación dun edificio para centro social e de maiores” presentada polo concello de Vilaboa ao abeiro do programa PON 2030. Tamén foi aprobada a modificación da relación de postos de traballo do persoal eventual da Deputación para a contratación dun auxiliar de comunicación. Pola contra, foron rexeitadas as proposta do PSOE para esixir á Deputación e á Xunta de Galicia que eviten reunións partidistas con voceiros da oposición nos concellos e a creación no Porriño dun centro de acollemento para a atención de mulleres vítimas de violencia de xénero con problemas de adicións.
