A Deputación aproba o convenio para cofinanciar a humanización da rúa Rosalía de Castro en Vigo
A xunta de goberno dará este venres o seu visto e prace ao acordo, que contempla un investimento provincial de 1,7 millóns de euros
11/06/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, anunciou que a xunta de goberno provincial aprobará este venres o convenio bilateral co Concello de Vigo para cofinanciar a humanización da rúa Rosalía de Castro, no tramo comprendido entre as rúas Pontevedra e República Arxentina, por un importe total de 2,4 millóns de euros. Tal e como establece o acordo, o organismo provincial sufragará o 70% desta mellora con 1,7 millóns e a administración municipal completará o orzamento con preto de 700.000 euros.
A representante da Deputación en Vigo amosou a súa satisfacción por este “paso adiante” en beneficio da cidade e recordou que, co visto e prace provincial, só quedaría que a xunta de goberno local dese luz verde ao documento para proceder á posterior sinatura.
Nesta liña, Luisa Sánchez instou ao alcalde olívico, Abel Caballero, a aprobar este convenio para que a cidade “siga gañando grazas á colaboración institucional e aos investimentos da Deputación”. “Trátase do convenio que remitimos a semana pasada. Un convenio marco para as dúas cidades da provincia. É idéntico para Vigo e para Pontevedra”, explicou.
A vicepresidenta recordou que o Concello de Pontevedra xa validou o texto, que reforza as cláusulas de publicidade en consonancia coa Lei Xeral de Subvencións e coa Lei de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno. Alén diso, salvagarda os intereses da institución e garante que a cidadanía coñece a contribución de todas as administracións públicas nos investimentos efectuados en Vigo e Pontevedra.
Propostas para 2026
Por outra banda, Luisa Sánchez recordou que o Concello de Vigo aínda non solicitou a totalidade dos 5 millóns de euros reservados no orzamento provincial de 2026 para a cidade. Por ese motivo, Luisa Sánchez propuxo hai un mes achegar fondos para catro actuacións demandadas por clubs deportivos e asociacións da cidade. Son as reformas do pavillón de Cabral, das instalacións do Club de Remo Virxe da Guía e do auditorio do Centro Social e Cultural de Beade, así como a construción do solicitado campo de béisbol en As Plantas. Porén, o goberno local aínda non respondeu a estas suxestións.
“Estas propostas non son máis que unha mostra das necesidades que a cidade precisa atender e coas que a Deputación quere seguir demostrando a súa implicación con Vigo”, apuntou Luisa Sánchez.
O proxecto de Rosalía de Castro
A humanización da rúa Rosalía de Castro, no treito comprendido entre as rúas Pontevedra e República Arxentina, abranguerá un tramo de 110 metros de lonxitude e unha superficie duns 3.740 metros cadrados.
Esta mellora contempla a “transformación” da fisionomía da rúa neste punto, optando por igualar os pavimentos para crear unha plataforma de uso compartido, por establecer un carril en cada sentido e por substituír o aglomerado asfáltico por formigón desbastado con disco. Estes trocos permitirán reducir a velocidade dos vehículos, minimizar ruídos e rebaixar a temperatura ambiente.
Ademais, crearanse novas zonas de sombra e lugares de encontro cidadá, que gañan terreo con respecto ao tráfico rodado. De feito, a superficie destinada a áreas peonís e xardíns aumenta ata o 69% do total. “En definitiva, imos converter unha zona de paso nun lugar de destino”, salientou Luisa Sánchez.
Finalmente, reivindicou o investimento récord que está a acadar a Deputación de Pontevedra en Vigo, con 47 millóns de euros comprometidos nos dous últimos anos para actuacións como a recuperación do Teatro Cine Fraga, a reconstrución da bancada de Gol no Estadio de Balaídos, a remodelación da piscina de Teis, a creación dun gran parque de xogos en Finca Matías ou a reforma de rúas como San Roque, Pintor Colmeiro ou Clara Campoamor, entre outras. “Unha cantidade nunca vista con anterioridade”, sinalou.
