A Deputación alerta sobre o alto risco por mildio ante a vaga de calor que chegará previsiblemente á provincia
O persoal técnico do Areeiro sinala que o risco por oídio será tamén alto se as néboas contrarrestan as altas temperaturas previstas, especialmente para os casos de viñas que non estean protexidas adecuadamente
21/06/2026
A Deputación de Pontevedra alerta sobre o alto risco por mildio nas viñas debido á vaga de calor que está previsto que chegue á provincia os próximos días. O persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro destaca que as temperaturas altas, mesmo extremas, tanto diúrnas como nocturnas, os ceos non de todo limpos, as néboas e as treboadas, e mesmo se unicamente se dá a combinación de temperaturas nocturnas altas e humidade, favorecerán este patóxeno agás se se ve moi desvitalizado polas temperaturas extremas do día. Por todo isto convén manter a viña protexida e vixiada para detectar a potencial aparición de novos síntomas e, de habelos, cómpre renovar a intervención.
O novo aviso fitosanitario tamén alerta sobre o oídio, xa que as temperaturas altas da semana pasada foron insuficientes para frealo. Ademais, as néboas densas e a elevada sensibilidade da uva ata que os acios estean completamente pechados fan que se detectase presenza de oídio en follas e acios das plantas testemuña, e tamén algún ataque moi puntual en plantas tratadas de predios moi frondosos e sombríos. Se os rexistros da vaga de calor prevista son o suficientemente altos, o risco diminuirá. Pero se as néboas os baixan, o risco será alto cando as viñas non estean adecuadamente protexidas (especialmente en variedades moi sensibles e en plantas excesivamente frondosas e con acios sombreados). Ante isto, lémbrase a conveniencia de ventilar os acios para evitar retencións de humidade e para protexer fronte aos fungos (e expoñelos á iluminación para engordar a uva), pero matizando que deben realizarse moderadamente e na orientación correcta para que os acios poidan seguir desenvolvéndose sen sufrir golpes de sol.
O persoal do Areeiro lembra que o próximo xoves 25 de xuño faranse 30 días desde que se atoparon as primeiras ninfas do vector da flavescencia dourada, dentro do Plan de control e erradicación da Xunta de Galicia. Un mes é precisamente o período mínimo desde que o insecto adquire o patóxeno ao alimentarse dunha planta enferma e ata que pode transmitir a enfermidade a unha planta sa, por iso cómpre iniciar os tratamentos. É conveniente, ao estar xa presente a enfermidade, que se interveña antes de que poidan empezar a infectalas, mollando axeitadamente o envés das follas (incluídas as dos brotes basais ou chupóns) xa que son lugares habituais de refuxio do insecto. E como en toda aplicación de produtos fitosanitarios, deben seguirse estritamente as indicacións recollidas na etiqueta. Ademais, cómpre gardar todas as precaucións para evitar levar accidentalmente ninfas e/ou adultos a zonas onde non se detectaron.
Ademais, os técnicos xa atoparon as primeiras capturas de machos de Lobesia botrana (avelaíñas do acio) da segunda xeración no Salnés e un aumento respecto ás capturadas a semana pasada no sur da provincia. Tamén se detectou un aumento considerable dos síntomas de enirose e enfermidades da madeira, así como escaseza de nutrientes en plantas debilitadas por medrar en solos pobres.
En canto a outros cultivos, o persoal observou as primeiras eirugas da bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis), polo que recomenda aumentar a vixilancia e revisar ben as plantas para evitar que se produzan defoliacións. Ademais, recibíronse avisos da aparente morte dalgúns exemplares de salgueiro na conca dalgúns ríos da provincia tralo dano producido por escaravellos que se alimentan desas árbores, proporcionándolles un aspecto de secar debido ás necroses foliares que son consecuencia do tipo de alimentación das larvas e adultos.
