A Deputación activa a liña de axudas dotada con 150.000 euros para que entidades sen fins de lucro da provincia promovan o uso da lingua galega
As entidades teñen de prazo un mes, desde este martes 15 de abril, para presentar as súas solicitudes e beneficiarse destas achegas encamiñadas á dinamización lingüística
15/04/2025
A Deputación de Pontevedra pon en marcha a liña de axudas ás entidades sen fins de lucro da provincia para o financiamento de actividades encamiñadas á dinamización da lingua galega. Conta cun crédito de 150.000 euros e entre os seus fins atópanse potenciar o uso do galego no ámbito socioeconómico e todos os sectores de importancia con repercusión social, así como promover a mellora do seu prestixio. Coa publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, as entidades teñen un prazo dun mes, a partir deste martes 15 de abril, para presentar as súas solicitudes.
As axudas destinaranse a actividades de dinamización lingüística postas en marcha por parte das entidades ao longo de todo o ano 2025. Serán subvencionables programas de normalización e dinamización lingüística (certames, actividades de creación, xornadas e eventos…), de sociolingüística e toponimia (estudos, xornadas e publicacións), de fomento do emprego do galego no comercio e a industria, campañas, recoñecementos e distincións, actividades de captación de neofalantes e, en xeral, actividades que fomenten o seu emprego activo, a socialización en galego e que asocien o idioma con valores positivos, especialmente as dirixidas á infancia e a mocidade.
As entidades recibirán un máximo de 4.000 euros, sempre que non se supere o 75% do orzamento da actividade concreta a realizar. Entre os gastos que poderán financiar atópanse o alugueiro de infraestruturas e espazos, a contratación de servizos técnicos e profesionais, a edición de publicacións, gastos de comunicación, prensa, publicidade e difusión así como a contratación de grupos, artistas e compañías, entre outros.
A Deputación de Pontevedra vén constatando ano tras ano un aumento na demanda destas achegas por partes das entidades sociais, co fin de implicalas no obxectivo de incrementar a presenza do galego e desmontar os prexuízos e opinións demagóxicas arredor do idioma. Ademais desta liña, a institución provincial tamén pon á disposición dos concellos outros 150.000 euros para a realización de actividades homólogas, elevando a 300.000 euros o orzamento total dedicado a axudas de dinamización en 2025.