A Deputación aproba 90.000 euros en axudas para que 12 colectivos poidan recuperar e poñer en valor o patrimonio marítimo-fluvial da provincia

Javier Tourís visitou en Cambados a Asociación Cultural e Deportiva Vela Tradicional, beneficiaria do programa para avanzar na rehabilitación da dorna Airexa

12/02/2026

Javier Tourís visitou en Cambados a Asociación Cultural e Deportiva Vela Tradicional

A Deputación de Pontevedra aprobará mañá, na Xunta de Goberno, a concesión das axudas dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para a recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo-fluvial da provincia, unha liña que repartirá preto de 90.000 euros entre 12 colectivos. Así o anunciou hoxe o deputado provincial Javier Tourís durante a súa visita á Asociación Cultural e Deportiva Vela Tradicional de Cambados, onde puido comprobar o avance da terceira fase de rehabilitación da dorna Airexa, un proxecto que contará cunha achega de 11.900 euros ao abeiro deste programa provincial.

As subvencións permitirán financiar actuacións de restauración, rehabilitación e mantemento de embarcacións tradicionais, así como a adquisición de equipamento, co obxectivo de preservar un patrimonio que forma parte da identidade da provincia e fomentar o seu uso en actividades socioculturais e divulgativas.

Tourís destacou en Cambados que estas axudas “non só permiten conservar embarcacións tradicionais, senón tamén apoiar o labor imprescindible das asociacións que manteñen vivo o noso legado marítimo. Estamos a falar de identidade, de cultura e tamén de dinamización social e económica vencellada ao mar”.

Galerias de imaxes