Luis López fai balance polo Día de Europa da capacidade da Deputación para captar fondos comunitarios: 43 M€ mobilizados en 26 proxectos
A institución provincial é beneficiaria única en 15 dos 26 proxectos, evidenciando tanto a súa solvencia na xestión como a confianza das institucións europeas
08/05/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, adiántase á celebración do Día de Europa, que terá lugar este sábado 9 de maio, e fai balance da capacidade da Deputación para captar fondos comunitarios. “A Unión fai un esforzo importante na posta a disposición de fondos pero hai que saber captalos e aí está o valor desta casa: na presentación de proxectos solventes, na captación de fondos e na súa execución”, remarcou o presidente ao tempo que recordou que a institución provincial está a impulsar 26 proxectos que mobilizan 43,75 millóns de euros, dos que máis de 32 millóns proceden de fondos comunitarios, nunha estratexia transversal que abrangue desde a transición enerxética e a innovación ata o turismo sostible, a dixitalización ou a cooperación transfronteiriza.
“Témonos convertido nunha das administracións provinciais máis dinámicas na captación de fondos europeos, froito dun traballo sostido que combina liderado institucional, capacidade técnica e cooperación con outras administracións e entidades”, asegurou Luis López. De feito, o presidente subliñou que en 15 dos 26 proxectos a Deputación de Pontevedra actúa como beneficiaria única, o que evidencia tanto a súa solvencia na xestión como a confianza das institucións europeas, e é o socio encargado da coordinación nun número importante dos outros.
“A mellor defensa da Unión Europea é converter a axuda de Bruxelas en realidades tanxibles que melloran vidas”, subliñou López quen engadiu que cos recursos comunitarios “estamos a impulsar iniciativas con impacto directo na vida diaria da nosa veciñanza”. Ao respecto, o presidente citou proxectos como +Renovables, que leva o autoconsumo a un total de 38 concellos da provincia, moitos deles en zonas rurais e de reto demográfico; + Aqua, “co que nos posicionamos como referencia en España no apoio a centos de comunidades de usuarios de augas”; o autobús gratuíto de Liña Conecta Rural, que ofrece desde o pasado mes de abril transporte entre Campo Lameiro, Moraña e Portas con Pontevedra; ou a Oficina de Promoción e Apoio ás Comunidades Enerxéticas, que está a fomentar e impulsar a creación e o desenvolvemento de comunidades enerxéticas en todas as comarcas da provincia, alcanzando tanto núcleos urbanos e rurais como industriais.
Ademais, o presidente tamén afondou nas iniciativas con financiamento europeo que están a facilitar a xestión dos concellos, como o PAI Val Miñor 15 minutos, para impulsar nove proxectos transformadores por valor de máis de 7M€ en Baiona, Gondomar e Nigrán; ou, entre outros moitos, +Rueiro, para modernizar e dixitalizar o padrón municipal e o rueiro dos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.
Luis López tamén puxo en valor proxectos de conservación da biodiversidade ou de investigación no ámbito medioambiental, como Biocosteiro, Beap-Mar, Kiwi-Sens ou Chestnutcare; e outros moitos centrados no turismo, no patrimonio costeiro, no patrimonio natural, histórico e gastronómico, como EcoFront Minho, Awaves ou Visit Rio Minho Plus; ou na mellora da eficiencia enerxética, no impulso da sostibilidade o na posta en marcha dun modelo de coidados inclusivos como Smart Building Coop ou Activa rural, recentemente activados.
En conxunto, a acción da Deputación de Pontevedra en materia de fondos europeos configura un modelo de éxito baseado na anticipación, a colaboración e a orientación a resultados. Un modelo que permite transformar os recursos europeos en proxectos concretos que melloran a vida da cidadanía, dinamizan o territorio e sitúan a provincia como referente en innovación pública e desenvolvemento sostible. A capacidade de captar, xestionar e executar estes fondos non só supón unha oportunidade económica, senón tamén unha ferramenta clave para construír unha provincia máis verde, máis cohesionada e preparada para os retos do futuro.
