A Deputación recibe este domingo 6 de xullo 140 cativos de 37 concellos nos campamentos da Lanzada
Durante seis días os pequenos desfrutarán nas instalacións do Grove dun amplo programa con actividades educativas, culturais, deportivas e formativas
05/07/2025
Os campamentos da Lanzada da Deputación de Pontevedra reunirán a 140 nenos e nenas de 37 concellos da provincia na súa terceira quenda a partir deste domingo, 6 de xullo. Ao longo de seis días, ata o sábado 12, os cativos poderán desfrutar do seu tempo de lecer a través de actividades de carácter educativo, cultural, deportivo e formativo. Neste verán e ata o 6 de setembro, serán en total 1.540 menores empadroados nalgúns dos concellos da provincia os que participen nas once quendas nas que se dividen os campamentos.
Os rapaces que chegarán esta semana ás instalacións que a Deputación ten no Grove (nados entre 2012 e 2017) proceden dos concellos de Baiona (3), Bueu (2), Caldas de Reis (3), Cambados (1), Campo Lameiro (1), Cangas do Morrazo (4), A Cañiza (1), Cerdedo-Cotobade (1), Cuntis (2), A Estrada (5), Gondomar (1), O Grove (2), A Guarda (2), Lalín (2), Marín (3), Meis (2), Mondariz (2), Moraña (8), Mos (3), As Neves (3), Nigrán (3), Ponte Caldelas (1), Ponteareas (1), Pontecesures (1), Pontevedra (22), O Porriño (7), Portas (1), Redondela (5), Salvaterra de Miño (2), Sanxenxo (3), Tomiño (4), Tui(5), Valga (2), Vigo (19), Vilaboa (3), Vilagarcía de Arousa (8) e Vilanova de Arousa (2).
No Centro de Vacacións da Lanzada, emprazado en San Vicente do Mar (O Grove), a cativada poderá desfrutar dun completo programa de actividades nas que salientan as deportivas, que terán lugar tanto no campamento (deportes alternativos, tiro con arco, orientación, carreira de obstáculos) como na praia (bodyboard, snorkel ou xogos de praia). Tamén desfrutarán de actividades artísticas, científicas, en lingua inglesa, nocturnas, de coñecemento do medio, teatro e contacontos, baile e actividades culturais e realizarán excursións a lugares como a illa de Ons.