A Deputación leva a súa campaña contra as agresións sexuais esta fin de semana ao SonRías Baixas
A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, visitará este sábado o punto violeta no que a Deputación distribúe os materiais baixo os lemas “Compracer nunca. Con pracer sempre” e “Non a líes. Alíate!”
01/08/2025
A Deputación de Pontevedra levará esta fin de semana ao SonRías Baixas a campaña "Compracer nunca. Con pracer sempre" para a prevención das agresións sexuais. A institución provincial porá á disposición do público que se achegue ao festival que se celebra en Bueu, unha das seis citas que conforman o circuíto dos Rías Baixas Fest, unha serie de materiais que pretenden concienciar a sociedade e visibilizar dúas formas de agresión que obstaculizan o recoñecemento do delito e a súa posterior denuncia, como son as violacións en cita e as agresións por submisión química.
A deputada de Igualdade, Sandra Bastos, asistirá este sábado ao punto violeta instalado pola Deputación, que estará aberto en horario de 17:00 a 22:00 horas tanto o propio sábado 2 de agosto como o domingo 3 de agosto. A carpa estará atendida por un equipo de profesionais expertas en igualdade que informará as persoas interesadas e distribuirá as guías informativas deseñadas especialmente para a campaña e outros materiais, como gorros e pulseiras. Este posto permite un trato directo co público asistente, favorecendo a interacción coas persoas asistentes ao festival.
A campaña "Compracer nunca. Con pracer sempre" céntrase nos contextos de ocio, nas contornas lúdicas e de festa, xa que é onde se dan as circunstancias perfectas para enmascarar as agresións sexuais a mozas, debido ao consumo de alcohol e outras circunstancias que fan que sexa a violencia que menos se denuncie, por ser a máis cuestionada e a máis difícil de demostrar. A campaña tamén busca implicar os mozos coa mensaxe "Non a Líes. Alíate" no rexeitamento desta problemática social, transmitíndolles a necesidade de posicionarse claramente fronte a ela.
A Deputación lembra que esta campaña está á disposición dos 61 concellos da provincia, así como dos centros educativos e entidades que queiran implicarse na loita contra esta problemática. Os organismos interesados poden consultar todos os detalles e as condicións do programa de préstamo de puntos violeta no sitio web da Deputación.