José Luis Cabañas e María Dolores Veiga reciben na sede da Deputación en Vigo os premios do XII Certame Literario de Relato Curto ‘Nun recuncho da memoria’

O xurado do concurso organizado por Afaga, dedicado este ano ao dó anticipado, destacou a linguaxe e o estilo empregados nas obras recoñecidas

21/09/2026

José Luis Cabañas e María Dolores Veiga reciben na sede da Deputación en Vigo os premios do XII Certame Literario de Relato Curto ‘Nun recuncho da memoria’

A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolleu este luns a entrega dos premios do XII Certame Literario de Relato Curto ‘Nun recuncho da memoria’, organizado pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer y Otras Demencias de Galicia (AFAGA) e dedicado nesta edición ao dó anticipado. Durante o acto, que coincidiu co Día Mundial do Alzhéimer, se deron a coñecer os dous relatos gañadores: ‘La costura suelta’, de José Luis Cabañas, na categoría en castelán, e ‘O último que sabía o nome do gato’, de María Dolores Veiga, na categoría en galego. O xurado destacou especialmente a linguaxe e o estilo empregados polos dous autores.

A vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, felicitou ás dúas persoas galardoadas por ser quen de “poñer palabras a unha realidade complexa” e “abrir unha reflexión sobre as persoas que acompañan aos enfermos”. A representante provincial en Vigo explicou que os dous relatos premiados abordan como os vínculos poden permanecer mesmo cando a memoria se vai perdendo, xa sexa a través dunha costura nunha peza de roupa ou dunha fotografía dun animal.

Os dous textos premiados ofrecen precisamente maneiras diferentes de achegarse a esa realidade. En ‘La costura suelta’, unha filla observa como o alzhéimer vai borrando pouco a pouco as palabras, os recordos e o recoñecemento da súa nai, mentres un pequeno xesto relacionado coa costura recupera por un instante o vínculo coa muller que foi. ‘O último que sabía o nome do gato’ sitúa o lector ante unha muller que coida do seu marido e que, ao atopar unha fotografía da súa mocidade xunto ao gato que compartiron, se converte na depositaria dos recordos dunha vida que el xa non consegue recoñecer.

A Deputación contribúe con 4.000 euros á organización do certame. No xurado participaron, en representación da institución provincial, a deputada de Igualdade e Benestar Social, Paula Bouzós, e a técnica do Servizo de Cultura Ana Pérez.

Galerias de imaxes