A Deputación ofrece este mércores unha charla con Elena Vázquez Abal dentro do ciclo Ciencia en Feminino
A sesión, telemática, enmárcase na programación de actividades da Deputación de Pontevedra co gallo do 8M, agrupadas baixo o paraugas da campaña A nosa meta, a igualdade
17/03/2026
A Deputación continúa este mércores 18 de marzo co ciclo Ciencia en feminino, unha programación de charlas e mesas redondas en liña organizadas en colaboración con GCiencia que están a afondar na situación da muller na ciencia da man de investigadoras galegas de recoñecido prestixio. O terceiro encontro do ciclo, que se pode seguir a través da canle de GCiencia en Youtube, consistirá nunha charla entre a xornalista Andrea Veiga e Elena Vázquez Abal, catedrática de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela. Falarán do porqué das baixas cifras de matriculacións femininas nas carreiras STEM e como se podería motivar ás rapazas a unirse a áreas máis técnicas, como as matemáticas. A entrevista tamén estará enfocada na importancia da divulgación, pois Vázquez Abal foi galardoada pola Real Academia Galegas de Ciencias en 2024 por ese motivo.
Os encontros de Ciencia en Feminino rematarán o mércores 25 de marzo cunha mesa de debate centrada na muller e na ciencia e nos principais obstáculos para desenvolver a carreira investigadora. Neste caso participarán Ainara Díaz Geada, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela na área de Enfermaría; Soledad Torres Guijarro, enxeñeira de Telecomunicacións e investigadora de atlanTTic na Universidade de Vigo; e Iria Gómez Touriño, bióloga molecular experta en diabetes e investigadora do Centro de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago de Compostela.
O ciclo Ciencia en feminino forma parte da campaña A nosa meta, a igualdade, coa que a Deputación de Pontevedra reivindica co gallo do Día Internacional das Mulleres (8 de marzo) que a igualdade entre mulleres e homes é unha carreira de fondo, chea de retos pero tamén de obstáculos. “Se algo nos gusta neste goberno e nesta provincia -asegurou o presidente provincial Luis López na presentación da campaña- é chegar á meta en todo o que nos propoñemos” e, por este motivo, “non imos dar nin un só paso atrás; a defensa dos dereitos das mulleres é a única postura posible”.