A Deputación leva este sábado ata Salceda de Caselas unha nova xornada de convivencias veciñais do programa +Convivir
Trátase da terceira das xornadas da segunda edición desta iniciativa destinada ao movemento veciñal que xa pasou por Fornelos de Montes e Redondela e chegará este sábado ao centro cultural e social de Soutelo “O Borralliño” a partir das 16:00 horas
18/06/2025
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 21 de xuño ata Salceda de Caselas o programa provincial +Convivir. Trátase da terceira das xornadas desta segunda edición desta iniciativa destinada ao movemento veciñal que xa pasou este ano por Fornelos de Montes e Redondela, e chegará esta semana ao centro cultural e social de Soutelo "O Borralliño" a partir das 16:00 horas, coa presenza do deputado de Acción Comunitaria Javier Tourís.
A xornada no centro cultural e social de Soutelo prevé sumar a centos de persoas que gozarán dunha xornada lúdica pero tamén de aprendizaxes. Neste eido, haberá sesións formativas relacionadas coa musicoterapia, pero tamén obradoiros relacionados cos primeiros auxilios e co baile de sesión. Ademais, a actividade completarase coa música dun DJ e cun refrixerio para as persoas asistentes.
+Convivir é un programa provincial co que a Deputación de Pontevedra demostra o seu compromiso co tecido asociativo veciñal e enxalza o papel que este desenvolve para o avance da provincia. Ademais de Fornelos de Montes e Redondela, o programa chegará este ano a Salceda de Caselas A Lama, Baiona, Rodeiro, Gondomar, Pontevedra, Ribadumia, Bueu, Oia, Barro e Tui. O pasado ano, foron case 4.000 as persoas que desfrutaron das sete citas organizadas pola institución ao longo da xeografía provincial.