A sede de Vigo inaugura a exposición “Compartir é vivir” con obras de 15 artistas internacionais para reflexionar sobre a desigualdade e a violencia de xénero
Luisa Sánchez recorda que a cultura é “unha ferramenta poderosa para construír unha sociedade máis xusta” e cualifica a mostra como “unha chamada á conciencia social”
16/02/2026
A Deputación de Pontevedra inaugurou este luns a exposición colectiva itinerante “Compartir é vivir. Intervencións artísticas na cidade”, que chega á sede de Vigo con obras de 15 artistas de seis países (España, o Brasil, Colombia, os Estados Unidos, Guatemala e México) para xerar unha reflexión arredor da desigualdade, a violencia, a convivencia e a identidade e para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller que se celebra cada 25 de novembro.
A vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, estivo presente no acto de inauguración da mostra, que permanecerá aberta na Sala Maruja Mallo ata o 27 de marzo en horario de 9:00 a 20:30 horas de luns a venres. Durante a súa intervención, destacou que “esta exposición é unha chamada colectiva á conciencia social a través da arte, unha invitación a ocupar o espazo público con mensaxes de igualdade, respecto e dignidade”. Igualmente, subliñou que desde a Deputación “temos a responsabilidade de impulsar iniciativas culturais que non só embelecen as nosas cidades, senón que tamén contribúen a transformar mentalidades e a combater calquera forma de violencia, especialmente a que sofren as mulleres”.
“Compartir é vivir” é unha recompilación de obras de 15 artistas pensadas para o espazo público, considerado como un ben común que é de todos e de ninguén, e tamén como un dereito reclamado desde sempre polas mulleres. Formalmente trátase de dípticos formados por dúas imaxes concibidas como unha unidade de creación que debían intervir quince MUPI (Moble Urbano de Presentación de Información, paneis verticais na rúa que normalmente acollen publicidade) localizados no concello de Marín no ano 2022.
Os e as artistas participantes son Guerrilla Girls (EE.UU.), Yolanda Herranz (España), Regina José Galindo (Guatemala), Celeste Garrido (España), Beth Moysés (Brasil), Mau Monleón (España), Elina Chauvet (México), Mar Caldas (España), Bia Santos (Brasil), Nela –Manola Roig– (España), Lorena Wolffer (México), Samuel Gallastegui (España), Patricia Glauser (Colombia), Alissia (Mª Penalva-Leal) (España) e Lilian Amaral (Brasil).
Para Sánchez, “o carácter internacional da exposición demostra que a loita contra a violencia e pola igualdade é un desafío global que require alianzas e redes de colaboración entre creadoras e creadores de diferentes contextos culturais”. Ademais, lembrou que “a cultura é unha ferramenta poderosa para educar en valores e para construír unha sociedade máis xusta e máis libre”.
“Compartir é vivir” acolle unha mensaxe de esperanza: a aspiración humana da convivencia en paz. Os e as 15 artistas renegan da violencia e propoñen o afecto e a non agresión, formulando a reivindicación dun futuro compartido. As propostas desta exposición están concibidas desde unha consciencia crítica e un posicionamento feminista que reivindica a necesidade de abandonar o silencio, de rexeitar a violencia e de aspirar ao respecto da dignidade humana, desde a creación artística, a colaboración, a reivindicación e a transformación do “eu” e do humano para mellorar o mundo.
Neste sentido, a vicepresidenta concluíu que “non podemos permanecer indiferentes ante a desigualdade nin ante a violencia machista. Desde as institucións debemos acompañar e apoiar todas aquelas iniciativas que promovan o respecto, a convivencia e a igualdade real. Esta exposición é un paso máis nese camiño”.
A Deputación organizará durante o período de apertura da exposición visitas guiadas polas comisarias e acollerá actividades como a presentación do catálogo e unha performance.
