A Deputación presenta o mércores no Museo de Pontevedra a banda deseñada ‘Castelao en Pontevedra (1916-1936)’

O seu autor, Miguel Pérez Ramudo, explicará o proceso creativo deste álbum, que percorre os anos nos que o intelectual e artista viviu en Pontevedra

25/01/2026

A Deputación presenta o próximo mércores 28 de xaneiro ás 19:00 h no Edificio Castelao a banda deseñada ‘Castelao en Pontevedra (1916-1936)’, editada por Almacén de Fábulas para a institución provincial. O seu autor, Miguel Pérez Ramudo, explicará o proceso creativo detrás deste cómic de 64 páxinas en tapa dura, que presenta un percorrido biográfico e artístico polos vinte anos nos que o intelectual e artista viviu en Pontevedra.
Na presentación, Pérez Ramudo estará acompañado pola directora do Museo, Ángeles Tilve, e pola responsable de Publicacións, Ángela Comesaña. ‘Castelao en Pontevedra (1916-1936)’ estruturarase como un diario no que o seu protagonista nos conduce polos momentos clave da súa vida a través da súa voz interior, coa participación activa dos intelectuais, artistas e pensadores que moldearon o ambiente cultural da época, como Cabanillas, Risco, Losada Diéguez e Bóveda, entre outros. Este entramado de figuras serve para contextualizar o impacto de Castelao e tamén para destacar o papel de toda unha xeración comprometida coa identidade e o patrimonio galegos.

 

Nese período comprendido entre 1916 e 1936, o cómic recolle momentos clave da biografía de Castelao, como a súa intervención na Asemblea Nacionalista de Lugo (1918), a viaxe a Francia, Béxica e Alemaña (1921), a morte do seu fillo (1928), a edición do álbum ‘Nós’ (1931), o desterro en Badajoz (1934) ou os acontecementos de 1936, coa súa eleción como deputado pola Fronte Popular, a campaña e aprobación do Estatuto de Galicia e o alzamento militar que dá inicio á Guerra Civil e provoca o seu exilio.  O libro inclúe un rico rexistro visual no que as viñetas recrean minuciosamente obras de Castelao e usan como fonte moitas fotografías da súa vida e un amplo abano de imaxes de arquivo: paisaxes rurais, rúas e prazas, carteis e escenas da vida cotiá.

 

Miguel Pérez Ramudo, natural de Cambados, é o ilustrador e guionista desta obra. Conta cunha notable experiencia na translación a viñetas da biografía de personalidades da cultura galega. No ano 2020 gañou o 1º premio Xuventude Crea na categoría de banda deseñada por ‘Joaquín Vaamonde (1871-1900). Unha promesa truncada da Xeración Doente’. Tamén é autor de ‘Ricardo Carvalho Calero. Unha biografía en viñetas’ (Lela Edicións, 2020).

 

O cómic pode adquirirse en libraría e no propio Edifico Castelao do Museo.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.