A Deputación aproba unha achega de preto de 30.000 euros para o mantemento e conservación da cuberta do pavillón municipal de Covelo

Estes recursos forman parte do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que ata a data está a beneficiar a Covelo con recursos que ascenden a 213.000 euros

09/02/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega de máis de 28.000 euros para que o Concello de Covelo financie as obras de reparación, mantemento e conservación da cuberta do seu pavillón municipal. A concesión enmárcase no Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivos, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.

As obras de reparación, mantemento e conservación da cuberta do pavillón municipal de Covelo permitirán garantir a funcionalidade, a seguridade e a habitabilidade destas instalacións. Na actualidade o edificio evidencia deterioro polo paso do tempo, con humidades, sucidade e corrosión e desgaste dos materiais que poden comprometer a protección fronte á entrada de auga e dificultar a súa correcta evacuación. A grandes riscos, as obras consistirán na desmontaxe manual dos canelóns e a retirada dos elementos deteriorados, coa súa substitución por uns novos de aceiro prelacado que garantan unha recollida eficiente. Tamén se levará a cabo a reestruturación da cheminea metálica, incluíndo a instalación de tubos de dobre parede con illamento térmico, e procederase á reparación da cuberta mediante a substitución de chapas de aceiro prelacado nos faldróns e beirados que presentan danos.

O Concello de Covelo está a recibir no marco do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID) máis de 213.000 euros da Deputación. Con estes recursos, o concello está a impulsar, ademais desta actuación, outros proxectos como o mantemento e conservación da piscina municipal ou o mantemento e conservación do campo de fútbol municipal.