A Deputación destina máis de 13.000 € do Plan +Provincia para que Arbo poida mellorar a accesibilidade e mobilidade no barrio do Ferral

Cos recursos provinciais o goberno local poderá levar a cabo unha nova pavimentación dunha vía e a demolición dun galpón na parroquia de Santa María

10/02/2026

A Deputación de Pontevedra destina máis de 13.000 € do Plan +Provincia para que Arbo poida levar a cabo unha nova pavimentación dunha vía e a demolición dun galpón no barrio do Ferral, na parroquia de Santa María de Arbo, co obxectivo de mellorar a accesibilidade e mobilidade de persoas e vehículos, ampliando a vía para posibilitar o acceso de vehículos.

En concreto, comezarase derrubando o galpón, retirando primeiro as chapas da cuberta e despois demolendo os muros de fábrica, reparando ao tempo os encontros coa estrada. No camiño reporase o firme, escavaranse gabias para a recollida de pluviais e se realizarán outros traballos como a execución dun rebordo, a colocación de tubaxe, rozas e limpeza, entre outros.

A Deputación de Pontevedra pon este ano a disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia 85 millóns de euros a través do Plan +Provincia 2026-2027. Aos 50 millóns de euros do +Provincia 2026, engádense os 35 millóns de euros da liña 1, de investimentos, do +Provincia 2027, de tal xeito que se facilita a execución de investimentos estratéxicos nos concellos. Ao igual que en anos anteriores, conta con catro liñas: a un, de investimentos, dotada con 70 millóns de euros; a dous, de gasto corrente, con 4,15 millóns de euros; a tres, de activación do emprego, con 9,6 millóns de euros; e a cuarta liña, dotada con 1,25 millóns de euros, para a redacción de proxectos transformadores e de relevancia estratéxica para os municipios.