A Deputación destina 125.000 € do Plan +Provincia para que Cerdedo-Cotobade avance no plan de ordenación da zona verde situada a carón da praia fluvial de Cerdedo
Cos recursos provinciais o goberno local poderá facer fronte ás expropiacións das parcelas necesarias para poñer en marcha este novo espazo, próximo á area de baño do Río do Castro e do núcleo urbano de Cerdedo
09/02/2026
A Deputación de Pontevedra destina 125.000 € do Plan +Provincia para que Cerdedo-Cotobade avance no plan de ordenación da zona verde situada a carón da praia fluvial de Cerdedo. Deste xeito, cos recursos provinciais, o goberno local poderá facer fronte ás expropiacións das parcelas necesarias para poñer en marcha este novo espazo, próximo á área de baño do río do Castro e do núcleo urbano de Cerdedo.
Trátase dun paso decisivo cara o avance do plan especial para a execución de novas infraestruturas e dotacións e para a ordenación da zona verde situada no lugar dos Pegos e para o que é necesario expropiar 37 parcelas, unha delas de titularidade municipal, que suman unha superficie de máis de 65.000 metros cadrados a carón do río do Castro.
Os recursos aprobados para esta actuación en Cerdedo-Cotobade enmárcanse na liña 1, de investimentos do Plan +Provincia e forman parte dos 640.000 € xa aprobados nun mes desde que o goberno de Luis López puxo a disposición dos concellos de menos de 50.000 habitantes os 85M€ do Plan +Provincia 2026-2027, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación.