A Deputación aproba a compra de bens artísticos de Santa Clara por preto de 400.000 euros
Luis López lembrou que con estes recursos poderase adquirir o altar maior, os retablos colaterais, o púlpito, a sillería de coro e o órgano
20/02/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a compravenda de bens artísticos no recinto conventual de Santa Clara por valor de preto de 400.000 euros. O presidente Luis López lembrou que con estes recursos, que xa adiantou a pasada semana o vicepresidente Rafa Dominguez, poderanse adquirir obxectos como o altar maior, os retablos colaterais, o púlpito, a sillería de coro e o órgano.
Unha vez adquiridos os bens, a Deputación procederá á restauración do órgano barroco, unha peza singular de gran relevancia histórica e cultural. Trátase do único órgano histórico da cidade de Pontevedra e o último dos realizados na arquidiocese de Santiago. De autoría descoñecida, debeu ser realizado por un organeiro local arredor de 1795. Sufriu dúas reformas posteriores: unha entre 1887 e 1890, que afectou a parte dos tubos, e outra en 1990. Formalmente destaca polas súas cores vivas e pola combinación de tubos dispostos vertical e horizontalmente. O órgano segue en funcionamento, alimentado por un antigo motor-ventilador e por un fol cunha boca de entrada e dúas bocas de saída.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asegurou que “o noso obxectivo é sempre a protección integral de Santa Clara como conxunto patrimonial, non só como edificio senón como contedor de bens históricos de valor incalculable, e por iso damos pasos como este para conseguilo”.
