A Deputación entrega no CPR Estudio de Nigrán o premio do concurso escolar A Viaxe de Gotiña
O certame dirixiuse a centros educativos de Infantil e Primaria da provincia para concienciar sobre a xestión responsable e sustentable da auga e dar a coñecer a importancia das traídas de augas veciñais
17/06/2026
A deputada provincial Paula Bouzós acudiu esta mañá ao CPR Estudio, en Nigrán, onde fixo entrega do premio do concurso escolar A Viaxe de Gotiña, co que a Deputación de Pontevedra buscaba concienciar á comunidade educativa e ás xeracións máis novas da provincia sobre a importancia dun consumo de auga responsable e sustentable.
En concreto, o alumnado de Primaria do centro foi galardoado co segundo premio na categoría de maqueta, que gañou o CEIP Xesús Golmar de Lalín e na que o CPR Sagrado Corazón de Pontevedra quedou en terceira posición. A deputada Paula Bouzós entregoulles un lote de material escolar e destacou, tanto das súas propostas como das presentadas ao concurso, “a súa excelente calidade”.
Ademais destes premios, na categoría tamén de Primaria pero na disciplina de banda deseñada a proposta gañadora foi para o CEIP Manuel Cordo Boullosa de Ponte Caldelas, seguido do CPR Alba de Vigo e do CEIP Atín-Cela de Mos. Pola súa banda, na categoría Infantil, disciplina mural, resultou gañador o CRA Ribadumia, seguido do CPR Alba de Vigo e do CEIP Atín-Cela de Mos.
