A Deputación leva o circuíto +Escénicas este venres 11 de setembro ata Catoira e Meaño
NegroLópez interpretará “Backstage” no Auditorio Municipal de Catoira ás 20:00 horas e á mesma hora no salón de actos da Casa da Cultura de Meaño A Farra Xous representará “O gato Zapato”
08/09/2026
A Deputación de Pontevedra leva este venres 11 de setembro ata Catoira e Meaño o circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. NegroLópez interpretará “Backstage” no Auditorio Municipal de Catoira ás 20:00 horas e á mesma hora no salón de actos da Casa da Cutura de Meaño A Farra Xous representará “O gato Zapato”.
En “Backstage” un músico está a piques de dar un concerto en solitario. Nada máis chegar, comezan os problemas: non atopa as cousas, perde as partituras, ponse nervioso... e todo porque o rexedor do espectáculo é un pallaso. Durante o transcurso da peza, a través do humor, a música e o xogo co espectador, o público verá a parte máis divertida do que sucede antes de saír a escena.
Pola súa banda, “O gato Zapato” pasaba os seus días vendo películas no cine, comendo pasteis de cenoria e mandarinas, así como dando longos baños na charca do bosque ata que un día perdeu o seu colar. En canto se decata da súa falta, comeza a falar con diferentes habitantes do bosque para recuperalo, poñéndose en marcha unha cadea de favores do máis peculiar.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai preto de 20 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha ata situarse en 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.